Baena e Sánchez-Bravo, os últimos galegos asasinados por Franco, seguen agardando reparación e xustiza

Coa alba de 27 de setembro de 1975 retumbaban os disparos no Hoyo de Manzanares. O réxime franquista fusilaba por última vez, apenas dous meses antes de falecer o ditador. Entre as vítimas, dous vigueses: Xosé Humberto Baena e José Luis Sánchez-Bravo. O movemento social e da memoria réndelles tributo este 27 de setembro de 2021, 46 anos despois dos asasinatos que conmoveron o mundo.

Retratos dos cinco fusilados o 27-S de 1975, nunha pancarta durante unha das homenaxes no cemiterio de Vigo
photo_camera Retratos dos cinco fusilados o 27-S de 1975, nunha pancarta durante unha das homenaxes no cemiterio de Vigo

Após a noite máis longa chegou a alba e con ela os últimos fusilamentos da ditadura franquista. Hai 46 anos, a 27 de setembro de 1975 (apenas quedaban dous meses de vida ao ditador), tres pelotóns asasinaron no Hoyo de Manzanares (Madrid) o antifranquista zaragozano de 27 anos Ramón García, para acto seguido segaren as vidas dos vigueses José Luis Sánchez Bravo, de 22 anos; e Xosé Humberto Baena, de 24. Os tres estaban vinculados ao Frente Revolucionario Antifascista e Patriota (FRAP).

Á par, en Barcelona, foron executados Juan Paredes, de 21 anos; e en Burgos Ángel Otaegui, de 33, pertencentes a ETA.

Após 46 anos, seguen agardando xustiza e reparación.

Como cada 27 de setembro o movemento social e da memoria democrática honra as cinco vítimas asasinadas pola ditadura. A cita é esta segunda feira, ás 18 horas diante dos restos mortais de Baena, no cemiterio de Pereiró, en Vigo.

“A memoria da loita antifranquista é patrimonio de todas e todos os antifascistas de onte, pero tamén de hoxe, máxime cando asistimos ao agromar de prácticas fascistas nas rúas e nos aparatos de dominación do Estado”, sinalan na convocatoria do acto os impulsores da homenaxe.

Xuízo farsa

Sánchez-Bravo foi acusado polo réxime, nun xuízo sen garantías e sen posibilidades de defensa real, de facer os informes que terían posibilitado o asasinato do tenente da Garda Civil Antonio Pose. O aragonés Ramón García foi acusado do asasinato.

No documentario Os últimos fusilados-Crónica dunha xeración o avogado Juan Aguirre relata como os letrados recibiron unha copia do sumario tan só unhas poucas horas antes do xuízo. Non sabían de que os acusaban nin lles permitiron falar cos presos. Na primeira xornada do Consello de Guerra, conta Aguirre, tanto el como o resto de defensores civís foron expulsados da sala. “Protestamos polas irregularidades e sacáronos violentamente. Levaban as pistolas na man e dicíanos que nos ían matar. Fixéronse cargo da defensa os avogados militares que non coñecían a causa, nin as probas, nin as declaracións, nin as actuacións”. E nese xuízo farsa García Sanz e Sánchez-Bravo foron condenados a morte

Xosé Humberto Baena foi acusado por un delito do que era inocente: a morte do policía Lucio Rodríguez, a 14 de xullo de 1975 en Madrid.

Naquel momento Baena estaba en Portugal, “aínda que as probas abafadoras da súa inocencia foron ignoradas na farsa de xuízo á que foron sometidos”, relata a súa irmá, Flor Baena, nun artigo publicado hai un ano, con motivo do 45 aniversario do fusilamento. “Mesmo unha testemuña presencial do asasinato declarou á policía en até tres ocasiones que o meu irmán non era o asasino que ela vira. A terceira vez, en comisaría, un xefe da policía díxolle, mentres xogaba cun revólver, que se esquecese do asunto”. Flor Baena tamén relata que cando seu pai reuniu probas da inocencia de Xosé Humberto e quixo reabrir o xuízo, queimárolles a casa e “pegáronlle catro tiros ao noso can”.

A muller de Sánchez-Bravo, Silvia Carretero, tiña 21 anos e estaba embarazada cando foi detida e torturada pola Garda Civil en Badaxoz pola súa militancia na Federación Universitaria Democrática Española (FUDE), a sección universitaria do FRAP. Foi encarcerada en Madrid sen xuízo, até que, grazas a un informe médico e debido ao seu embarazo, quedou en liberdade provisional. Carretero aproveitou ese momento para refuxiarse en París, onde naceu a filla de ambos.

Salvaxemente torturados

Baena narrou nunha carta as torturas ás que foi sometido polas forzas do réxime: “Lanzábanme dun extremo a outro da parede, golpeándome con puños e porras (...) Golpeábanme cun pau na planta dos pés (...) Golpeáronme repetidamente a cabeza contra un moble metálico. Nun dos golpes arrincáronme unha moa, aínda que no parte médico figura só a palabra carie”.

“Papá, mamá: executaranme mañá”

“Papá, mamá: executaranme mañá. Quero darvos ánimos. Pensade que eu morro, pero que a vida segue. Recordo que na última visita, papá, dixéchesme que fose valente, como un bo galego. Funo, asegúrocho. Cando me fusilen mañá pedirei que non me tapen os ollos, para ver a morte de fronte”.

Así se despediu, hai hoxe 46 anos, Xosé Humberto Baena, minutos antes de ser asasinado.

A xutiza fechou as portas ás familias das vitimas, que fican agora pendentes da Lei de Memoria

Á familia de Baena fecháronlles todas as portas na loita por desmontar a inxustiza. Presentaron recurso no Tribunal Supremo, que foi rexeitado. Despois recorreron ao Constitucional, con parello destino. O Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo contestou que non podía facer nada porque España en 1975 non asinara o Convenio Europeo de Dereitos Humanos.

Hai uns anos uníronse á causa presentada na Arxentina xunto a outras vítimas da Guerra Civil e o franquismo (tamén a viúva de Sánchez-Bravo denunciou na Arxentina).

Mais segundo a Lei Orgánica do Poder Xudicial só se pode presentar un novo recurso no Supremo se achegan novas probas, das que a familia non dispón. “Esgotei todas as vías e instancias xudiciais en España e Europa e ante a ONU”, relatou Flor Baena hai un ano no seu artigo. Precisamente, en 2020 pediu axuda á ministra de Memoria Democrática, Carmen Calvo, e a outros membros do Goberno e de grupos do Congreso para facer xustiza, xa que o anteproxecto de lei de Memoria Democrática non permitía anular os xuízos inxustos dos últimos executados polo franquismo.

Flor Bena sinalaba hai un ano que a súas esperanzas estaban postas en que a Lei de Memoria Democrática anulase eses xuízos inxustos. Mais a redacción que por entón tiña o artigo 5.3 excluía a anulación do caso dos executados o 27-S de 1975, así como o de Salvador Puig  Antich, executado en 1974, acusados de asasinato.

Mudanza no proxecto de Lei

O proxecto de lei de Memoria Democrática xa está agora no Congreso dos Deputados e agárdase que nas vindeiras semanas inicie a súa tramitación parlamentaria e o proceso de debate de emendas.

A diferenza do anteproxecto, o proxecto que recibiu o Congreso acolle  unha frase defendida polo movemento da memoria e recomendada ademais polo relator da ONU para a promoción da Verdade, Xustiza e Reparación co obxectivo de que fose polo que fosen xulgadas as vítimas, se lles aplique a nulidade da sentenza. Desta maneira, e á espera de como quede o texto final da lei, posibilitaríase co novo engadido a restitución e reparación dos cinco fusilados o 27-S.

Desta maneira, o artigo 5.3 no proxecto queda así (o engadido resáltase en negriña), á espera das emendas e o debate no Congreso dos Deputados:  

“Igualmente, decláranse ilexítimas e nulas, por vicios de forma e fondo, as condenas e sancións ditadas por motivos políticos, ideolóxicos ou de crenza por calquera tribunais ou órganos penais ou administrativos durante a Ditadura contra quen defendeu a legalidade institucional anterior, pretenderon o restabelecemento dun réxime democrático en España ou tentaron vivir conforme a opcións amparadas por dereitos e liberdades hoxe recoñecidos pola Constitución, independentemente da cualificación xurídica utilizada para estabelecer esas condenas e sancións”.

Á Alba

O inesquecíbel tema Al Alba, de Luis Eduardo Aute está desde sempre asociado aos cinco fusilados polos franquismo.

Porén, o cantautor falecido en 2020 recoñeceu nunha entrevista realizada catro anos antes que o tema nacera como unha canción de amor e que foi a cantante Rosa León, que daquela puña voz aos temas, quen dixo: “Isto parece que é alguén a quen van fusilar”·. “Xa estaban sentenciados os condenados a morte do 27 de setembro de 1975 e nos concertos Rosa lles dedicaba a canción con gran risco pola súa parte. Nese sentido, a canción quedou vinculada aos fusilamentos”, explicou Aute.

Comentarios