Babío recibe unha segunda demanda dos Franco: "Están crecidísimos, séntense amparados polo poder"

O mesmo día en que o Supremo paraliza a exhumación dos restos mortais do ditador, o investigador sadense Carlos Babío recibiu unha segunda demanda, xemelga da primeira, por denunciar nun programa televisivo o espolio perpetrado na Galiza polo tirano.

carlos babío - foto BNG
photo_camera Babío

"Os Franco están crecidísimos e séntense amparados polo poder. O que pretenden con estas denuncias é amedrentar a sociedade. Que cada vez que abras a boca recibas unha denuncia", dixo esta terza feira a Sermos Galiza Carlos Babío, co-autor de Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio, após confirmar que esta terza feira lle foi notificada unha nova demanda, a segunda, da familia do ditador contra el por inxurias e calumnias.

Esta denuncia é unha réplica da primeira, interposta no seu día contra Mediaset (propietaria da canle Cuatro), xornalistas do programa En el punto de Mira e entre outras persoas que interviñan na emisión, Carlos Babío. O presunto delito? Relatar como se producira o espolio do Pazo de Meirás e como os fascistas incorporaron fraudulentamente á finca do ditador a casa da avoa do investigador agora denunciado.

A segunda demanda atinxe a AtresMedia (propietaria de La Sexta e Antena 3), os xornalistas de Equipo de Investigación e outra vez a Babío, desta vez por ter dado información sobre como, alén de terras e do propio edificio, os Franco espoliaron tamén outros elementos patrimoniais que acabaron por enriquecer a propiedade de Meirás.

Babío foi convocado a senllos actos de conciliación, o 12 de xuño no xulgado de primeira instancia de Alcobendas e o 14 deste mesmo mes no 43 de primeira instancia de Madrid en relación con estas demandas. "Non irei. Non teño nada que conciliar con eles", afirma. O previsíbel, calcula, é que o asunto acabe en xuízo. "Non creo que eles o deixen morrer así. Están moi crecidos porque se senten amparados", conclúe.

Comentarios