Acordo para amosar "a verdade" do uso do pazo

O Goberno estatal e a Xunta cooperarán na apertura.
Calvo reuniuse con representantes institucionais na Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Calvo reuniuse con representantes institucionais na Coruña. (Foto: Nós Diario)

Á espera de obter unha resolución definitiva sobre a titularidade do pazo, administracións e entidades analizan xa os usos posíbeis para as edificacións e as nove hectáreas que conforman o conxunto de cara ao futuro e tamén os modelos de xestión.

Hoxe mesmo tiña lugar na Coruña unha xuntanza interinstitucional, convocada pola vicepresidenta primeira do Executivo español, Carmen Calvo, que concluíu co compromiso de Xunta e Goberno estatal para abrir o pazo de Meirás ás visitas "contando a verdade do paso de Franco con perspectiva democrática" e cun espazo para a figura da escritora Emilia Pardo Bazán.

No encontro, ao que asistiron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, o presidente da Deputación da Coruña, a alcaldesa da Coruña e o de Sada, e mais o delegado do Goberno na Galiza e o conselleiro de Cultura, o titular do Executivo galego explicitou a petición de que o pazo "volva ao patrimonio" da Galiza e reiterou a petición para asumir a súa xestión, para facer del un lugar no que reivindicar "a esencia da figura de Pardo Bazán sen ocultar para nada que durante varias semanas ao ano o ditador Franco pasou alí as súas vacacións e esa parte da historia".  

O Goberno galego rexeita que, como reivindican o BNG e o PSdeG e as diferentes entidades memorísticas, a antiga residencia de verán do ditador se transforme nun centro para a recuperación da memoria democrática e de dignificación das vítimas do franquismo, e aposta en centrar o peso simbólico do proxecto na figura de Pardo Bazán, para facer do pazo "un faro para a igualdade onde reivindicar o papel e a forza creativa da muller".

Desde o Bloque reclaman,  ademais da transferencia do conxunto desde o Estado español ao pobo galego, que as decisións sobre a xestión do inmóbel inclúan, xunto coas administracións, a participación do tecido social e figuras expertas en investigación histórica.

Voces como a do investigador Carlos Babío reivindican tamén o papel da sociedade civil nesta altura do proceso.

"Debe seguir tendo a característica de participación social que nos trouxo até aquí, á que xa chegamos moi tarde. Non entendo que para definir os usos futuros do pazo a decisión se leve só ao institucional excluíndo a sociedade que o levou até aquí", opina.

Comentarios