A CIG lembra a loita de clases

80 anos dos asasinatos e da represión franquista en Cee

Punta Herminia, na Coruña, foi o escenario en que o 9 de decembro de 1936, ás 7h, se producían os fusilamentos que acababan coa vida de oito sindicalistas da Fábrica de Brens e veciños de Cee ou da comarca. A CIG apela a “resarcir a memoria dos que deron a vida polo pobo, pois son os verdadeiros mártires da liberdade”.

2016 -12-09 FusiladosFranquismoOperariosFabricaCee01

Fixéronse 80 anos do asasinato de oito sindicalistas da fábrica de hidrocarburos de Brens aliñados contra o golpe militar. Eran Florentino Canosa Barreiro, Norberto Recamán, José Lago Fernández, Teófilo Mejuto Leis, Perfecto Transmonte Costa, Jesús Chouza Figueiras, Manuel García Castiñeira e Domingo López Domínguez. Segundo lembra a CIG, estes operarios, así como outros traballadores e veciños da bisbarra, foron delatados polo entón xefe da Fábrica de Brens, Eduardo Garrone de Cristóforis, quen os presentou perante os golpistas como “indesexábeis” e “perigosos” polo seu compromiso político e sindical.

As declaracións do xefe da fábrica provocaron a detención e a apertura de instrución de causa militar contra oito traballadores

Eduardo Garrone de Cristóforis acusou os asasinados de liderar a folga sindical do 21 de xullo de 1936 en contra do golpe militar e en defensa da propia factoría e da liberdade do pobo. As declaracións do xefe da fábrica provocaron a detención e a apertura de instrución de causa militar contra oito traballadores, que foron condenados a morte o 8 de decembro de 1936 por teren liderado a folga. Un día após eran fusilados.

Distincións

O delator foi recoñecido mesmo co título de fillo adoptivo de Cee, vila da que tamén fora alcalde honorario Francisco Franco. Os dous seguen a ostentar as distincións e, aliás, un monólito falanxista permanece erguido nas proximidades da factoría.

A CIG apela a resarcir a memoria daqueles que deron a vida polo seu pobo, pois son verdadeiros mártires da liberdade

Neste contexto, a CIG chama a tomar conciencia da “barbarie vivida polo noso pobo durante o alzamento militar asasino e antidemocrático de 1936, que lonxe do que se ten contado para nada foi tranquilo nin pacífico nesta bisbarra, senón que supuxo o exterminio dos referentes políticos, sociais e sindicais da época”. De aí que apele a “resarcir a memoria daqueles que deron a vida polo seu pobo, pois son verdadeiros mártires da liberdade”.

Comentarios