46 anos da marcha contra a central nuclear de Xove

Hai 46 anos, falamos de 10 de abril de 1977, milleiros de persoas convocados polo nacionalismo marcharon de Viveiro a Xove para amosar o seu rexeitamento ao proxecto da central nuclear.

Marcha antinuclear de Xove
photo_camera Marcha antinuclear de Xove de 1977.(Foto: A Nosa Terra)

O 10 de abril de 1977, 8.000 persoas convocadas polas Comisións Labregas percorreron  os 13 quilómetros que separan Viveiro de Xove para oporse á construción da central nuclear.

A marcha chegou após diversas mobilizacións convocadas previamente polo nacionalismo. Sen ir máis lonxe, en xaneiro dese ano tentarase convocar unha manifestación contra o proxecto de central nuclear, na dupla perspectiva de expresar a súa oposición a mesma e de socializar o conflito a nivel nacional, porén a  protesta foi prohibida.

As particulares circunstancias políticas do momento, co nacionalismo político nucleado arredor da UPG e da ANPG aínda na ilegalidade, obrigaron aos organizadores a extremar as prevencións para facer posíbel a marcha.

A manifestación celebrouse, finalmente, sen contar con autorización das autoridades. A fin de sortear os impedimentos gobernativos, acordouse entón organizar unha marcha polo beira da estrada, que rematou despois de tres horas en Lago(Xove).

A marcha sobre Xove

O acto final desenvolveuse no adro da igrexa de Lago. Neste espazo, tomaron a palabra  Manuel Barbeito, veciño das Encrobas que expresou a solidariedade desta localidade coa loita de Xove, Antonio Pernas, membro das Comisións Labregas de Xove, Emilio López Pérez “Milucho”, dirixente das Comisións Labregas, e Ramón Valcarce Vega, o crego das Encrobas.

O éxito da mobilización foi resultado dun traballo de anos, que arrancou en novembro de 1973 cando Fenosa,  Electra del Viesgo e Hidroeléctrica do Cantábrico fixeron pública a súa decisión de instalar unha central nuclear na Regodela (Xove) 

O proxecto, asociado a un investimento de 68.000 millóns de pesetas da época, tentaba pór en funcionamento catro reactores nucleares que ían producir 3.600 megawatts, nun momento que Galiza destinaba 60% da súa produción eléctrica á exportación.

As primeiras protestas

O primeiro acto contra a central nuclear celebrouse en Lugo naquel mesmo mes de novembro de 1973. Neste mesmo momento, o Clube Cultural Valle Inclán, na altura orientado por cadros da UPG como Lois Diéguez ou Carlos Varela organizou un mesa redonda en Lugo coa presenza de Xosé Manuel Beiras.

Unhas semanas máis tarde a asociación cultural Sementeira de Viveiro, cuxo papel resultou chave na oposición ao proxecto, articulou outra palestra coa presenza do propio Beiras e do enxeñeiro Mario Iglesias.

Os anos seguintes destacaron polo intenso proceso de sensibilización e clarificación social sobre esta problemática no país e na zona. Precisamente, na comarca da Mariña os militantes nacionalistas desenvolven un intensa campaña de axitación, mobilización e loita arredor deste problema.

Os nomes de cadros mariñáns da UPG e da ANPG como Francisco Luís Rodríguez Guerreiro, Xulia Canoura, Pencha Santasmarías, Africa Leira, Ignacio Hernando, Pilar Delgado, Cesar Naval, Miguel Campuzano ou Suso Arrizado resultaron decisivos neste labor.

Un éxito de loita

A loita contra a central nuclear rematou nun grande éxito. Neste sentido, a  mobilización popular demostrouse decisiva para a paralización definitiva do proxecto, acordada en 1982 tras outra manifestación celebrada en 1979.

A manifestación de 1977 serviu, ao tempo, para dimensionar na sociedade a alternativa nacionalista, e, en certo xeito, certificar a súa legalización polo pobo, nun momento en que o sistema se empeñaba a manter fora da lei á alternativa rupturista.

O éxito da convocatoria certificou, por último, a  capacidade de mobilización das organizacións nacionalistas e a súa implantación no tecido social .

Comentarios