Efeméride

40 anos da expulsión dos deputados nacionalistas do Parlamento da Galiza: "Nin xuro, nin prometo"

O daquela deputado electo Lois Diéguez rememora nunha publicación da Fundación Galiza Sempre aquel "feo e negro" episodio da historia da Cámara galega, que, asegura, quedou "manchada" para sempre.
Manifestación na defensa dos dereitos dos deputados expulsados. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera Manifestación na defensa dos dereitos dos deputados expulsados. (Foto: Nós Diario)

O 23 de novembro de 1982, hai xusto catro décadas, foron expulsados do Parlamento da Galiza os tres deputados que resultaran electos dentro da coalición BNPG-PSG (Bloque Nacional-Popular Galego — Partido Socialista Galego), Lois Diéguez, Claudio López Garrido e Bautista Álvarez. Aquel suceso, inaudito tanto na Galiza como no resto do Estado español, fora consecuencia de non xurar fidelidade á Constitución española de 1978: "Nin xuro, nin prometo, porque son demócrata e defendo a soberanía nacional de Galiza", dixeran entón os parlamentarios.

Con motivo do aniversario deste acontecemento, a Fundación Galiza Sempre vén de editar, en colaboración coa Deputación da Coruña, un número especial da súa colección Grandes efemérides cuxos textos asina o propio Lois Diéguez.

"Ao día seguinte, intentamos entrar no Parlamento e xa a Policía nolo impediu. Mesmo o seu presidente, Antonio Rosón, enviou un funcionario para facernos unha especie de finiquito 'polos servicios prestados'. O pagamento correspondente polo noso traballo parlamentario, vamos. Á parte do desprezo, significa xa unha burla a uns deputados elixidos polo pobo galego", explica.

O daquela deputado electo afirma tamén que Rosón tratara de convencelos instándoos a facer un 'paripé'. "'E que paripé?', preguntabámoslle. E daquela el calaba a boca. Estaba claro que non lle gustaba nada a nosa negativa, pero tamén que el e os seus compañeiros de partido aprobaron as ordes de Madrid acordadas, obviamente, polos tres ou catro partidos españois do momento, PSOE, UCD ou AP e o mesmo Partido Comunista (PC)", sinala.

"Facíamos unha argumentación afirmando que o obrigar a xurar era unha actitude moral que non se podía impoñer no campo político e que nós xa levabamos un ano exercendo de deputados, polo que tampouco se lle podía dar á lei carácter retroactivo. Cantas cabezas vin agachadas, e miradas furtivas. Mesmo ausencias meditadas. Arrogancia e dureza nas exposicións dos seus voceiros (AP, UCD, PSOE). Anxo Guerreiro (‘Geluco’) do PCG (Partido Comunista da Galiza) e Camilo Nogueira de Esquerda Galega tampouco aceptaron a fascistada", prosegue.

Diéguez, tal e como apuntou recentemente nunha entrevista a Nós Diario, optou por abandonar a primeira liña política: "Despois xa non quixen ser candidato aínda que mo propuxeron e lembro que naquela época fun a moitos actos a explicarlle á xente que me votara os porqués daquela decisión".

"A nosa resistencia obrigou a flexibilizar e mesmo anular a norma para o futuro. Mais eu fiquei ferido cos autores daquela imposición ditatorial que seguen hoxe nos bandos do neofranquismo ou na socialdemocracia tratando de que esta democracia de papel fique encadeada e non adquira nunca as características coas que se define", engade.

Lois Diéguez, que lembra cun "especial cariño" os seus compañeiros de bancada, Álvarez e López Garrido, afirma que o Parlamento da Galiza "quedou manchado" desde aquel "feito feo e negro" da súa historia, "porque, sobre todo, eliminou os dereitos que nos deu o pobo galego", di.

Comentarios