Orzamentos 2025 | Interactivo

A Xunta dedicará en 2025 a normalización lingüística a metade que en 2008 malia a crítica situación do galego

Desde a súa chegada a San Caetano, Feixoo reduciu de forma drástica os cartos destinados á normalización do idioma propio do país, unha medida paralela á aprobación do polémico 'decreto do plurilingüismo', que provocou que o uso do galego na escola caese en picado.
Alumnado dun centro de Primaria. (Foto: Álex Zea / Europa Press)
Alumnado dun centro de Primaria. (Foto: Álex Zea / Europa Press)

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, entregou este sábado no Parlamento da Galiza o proxecto de orzamentos da Xunta para o ano 2025, un documento do que as diferentes consellarías viñan avanzando diferentes cifras nas últimas datas no que BNG e PSdeG consideraron un exercicio de "opacidade", ao negárselles ás forzas da oposición acceder ao detalle das contas até que hoxe mesmo foron publicadas no tradicional portal web do Goberno galego.

De cara ao vindeiro exercicio, comparando co actual, aumenta 8,28% a partida destinada a políticas e actuacións en materia de normalización lingüística, pasando de algo máis de 11 millóns de euros a 11,96 millóns. Atendendo ao rexistro histórico da Xunta, esta é a segunda contía máis elevada neste capítulo dos últimos quince anos —por debaixo de 2021—, algo que, por outra parte, non fala necesariamente ben dos gobernos do Partido Popular, primeiro con Alberto Núñez Feixoo á fronte e desde 2022 da man de Alfonso Rueda.

Desde a súa chegada a San Caetano, Feixoo reduciu de forma drástica os cartos destinados á normalización do idioma propio do país, unha medida paralela á aprobación do polémico 'decreto do plurilingüismo', que segundo un informe da Real Academia Galega (RAG) provocou que o uso do galego na escola caese en picado.

A doutrina da Xunta nos últimos anos foi clara neste ámbito: non ás presuntas "imposicións lingüísticas" e busca dun "bilingüismo harmónico" que os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística (IGE) desmentiron precisamente a pasada semana. Segundo eses mesmos rexistros, referidos ao ano 2023, a primeira xeración de nenos e nenas galegas educadas ao abeiro do 'decreto do plurilingüismo' comunícase maioritariamente en castelán, que desbanca en todas as idades, por vez primeira na historia, o galego como lingua máis falada no país.

 

Aliás, unha de cada tres rapazas e rapaces de entre 5 e 14 anos directamente non saben comunicarse en galego, dato que desde a Xunta poñen en dúbida alegando que "non se pode entrevistar a menores de 16 anos" e, por tanto, a "resposta máis rápida" dos maiores "é dicir que o neno non fala galego ningún", tal e como defendeu esta quinta feira no Parlamento o secretario xeral da Lingua, Valentín García, aínda que non achegou ningun dato que corroborase esta suposición.

As cifras do IGE sinalan tamén que só 10,7% das crianzas de entre 5 e 14 anos residentes no país teñen o galego como lingua materna; porén, esta porcentaxe elevábase en 2008 até 25% e representaba 18,3% en 2013 e 18,9% en 2018. Neste sentido, as mozas e os mozos que non teñen o galego como primeira lingua minguaron desde 2008 en 133,3%, acelerándose a caída nos últimos cinco anos, cunha baixada de 8,2 puntos porcentuais.

En 2008, cando 56,4% da poboación de todas as idades falaba habitualmente só ou maioritariamente en galego —hoxe, tomando como referencia os datos do IGE de 2023, son só 45,5%, dez puntos menos—, o orzamento das políticas de normalización lingüística ascendía a 23,6 millóns de euros, practicamente o dobre que a cifra que se destinará en 2025.

E se temos en conta os efectos da inflación entre 2008 e o momento actual, aquela cifra equivalería a uns 31,4 millóns de hoxe. Case o triplo que o que reserva a Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude para contrarrestar a "emerxencia lingüística" da que alertaron nos últimos días diferentes institucións como a propia RAG.

Comentarios