A xuíza sobresé o procedemento iniciado pola policía local de Rianxo contra Marcos Maceira e Sara Seco
A xuíza de Padrón (O Sar) sobreseu o procedemento xudicial iniciado pola policía de Rianxo (O Barbanza) contra o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e a tiktoker Sara Seco, polo seu apoio público ao cidadán da localidade barbanzá que foi denunciado tras reclamar ser atendido en galego durante a pandemia.
En opinión do presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, "este sobresemento demostra a mala praxe da policía de Rianxo, que non dubidou en denunciar por unhas declaracións que nunca se produciron nos termos que aseguraban".
"Para evitar que feitos como estes volvan acontecer", insistiu Maceira, "a Mesa recomenda á policía de Rianxo que tome medidas para formar os seus membros no seu deber de informar correctamente a cidadanía, conforme a lexislación, e de garantir o dereito ao uso do galego e ofrécese para facelo".
"O esforzo que esta formación pode requirir", apuntou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, "será menor que o investido nos exhaustivos informes de máis de 100 folios que elaboraron na procura de imputar un delito inexistente".
A entidade pola defensa da lingua considerou que esta denuncia da policía local de Rianxo atenta contra a liberdade de expresión e contra os dereitos lingüísticos da poboación galega e ten a vontade última de "intimidar e amedrentar a quen ouse pór en evidencia as actitudes hostís á lingua galega". Actitudes que pretenden preservar, segundo denunciou a Mesa, "con absoluta impunidade".
"Esa actitude ficou clara no proceso xudicial contra o cidadán que reclamou o seu dereito á atención en galego", afirmaron, "e agora denunciando destacados membros da Mesa por reproduciren a literalidade dun atestado policial e dunha resolución sancionadora da Subdelegación do Goberno español na Coruña". Neste sentido, a Mesa reafirmou a súa vontade de continuar a defender os dereitos de todas as persoas que queren vivir en galego.
