Marcos Maceira: "De abrirse finalmente xuízo, será un xuízo contra a liberdade de expresión e o dereito a vivir en galego"

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e a activista pola lingua Sara Seco acolléronse hoxe ao seu dereito a non declarar no Xulgado de Padrón, onde se personaron como investigados por un delito de inxurias á Policía Local de Rianxo por denunciar diante dos medios e nas redes sociais un atestado no que esta policía afirmaba que os traballadores públicos “non tiñan obriga de falar en galego”.

Concentración da Mesa en Padrón "en defensa do dereito a vivir en galego". (Foto: Arxina)
Concentración da Mesa en Padrón "en defensa do dereito a vivir en galego". (Foto: Arxina)

Ducias de persoas arrouparon esta sexta feira o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, e a activista polo galego Sara Seco ás portas do Xulgado de Padrón (O Sar). Ambos os dous estaban convocados para que a xuíza lles tomase declaración a raíz da súa imputación por un presunto delito de inxurias á Policía Local de Rianxo (O Barbanza).

Maceira e Seco denunciaron o ano pasado ante os medios de comunicación e nas redes sociais un atestado no que a policía municipal de Rianxo, perante a solicitude de atención en galego dun veciño desta localidade no seu centro de saúde, afirmaba que “en Galiza o castelán é unha lingua igualmente oficial” e que "non tiñan obriga de falarlle en galego", polo que foi advertido "moi seriamente, de que depuxese esa actitude". Acto seguido, a policía propuxo este veciño para sanción por “alterar gravemente a orde” no centro de saúde, infracción administrativa da que foi absolto.

Para a Mesa, a denuncia policial é "un ataque á liberdade de expresión e de opinión". Maceira e Seco acolléronse esta sexta feira ao seu dereito a non declarar. “Cremos que o que ten que dar explicacións é a Policía Local”, sinalou o presidente da Mesa a Nós Diario, "unha Policía que impide aos seus veciños ser atendidos en galego". Maceira confía en que non se chegue a xuízo. "De abrirse xuízo, sería un xuízo contra a liberdade de expresión e contra o dereito a vivir en galego", afirma.

"Absoluta impunidade"

A Mesa considera a actitude da Policía Local desta localidade "un paso máis no intento dos responsábeis policiais de Rianxo de intimidar e amedrentar a quen ouse pór en evidencia as actitudes hostís á lingua galega". Actitudes que pretenden preservar, segundo denuncia a entidade de defensa da lingua, "con absoluta impunidade".

"Esa actitude ficou clara no proceso xudicial contra o cidadán que reclamou o seu dereito á atención en galego", afirman, "e agora denunciando destacados membros da Mesa por reproduciren a literalidade dun atestado policial e dunha resolución sancionadora da Subdelegación do Goberno na Coruña".

Neste sentido, A Mesa reafirmou a súa vontade de continuar a defender a calquera persoas que vexa vulnerado o seu dereito a empregar o galego sempre e en todo lugar.

Comentarios