U-lo apoio da Xunta aos medios en galego?
Cando se achega o 7 de febreiro, é habitual atopar na prensa titulares que proclaman que "A Xunta apoia a celebración do Día dos Medios en Galego". Esta efeméride, estabelecida e oficializada en 2018 grazas ao traballo da Asociación de Medios en Galego (Amega), da que Nós Diario forma parte, rende homenaxe á figura de Valentín Lamas Carvajal, impulsor de O Tío Marcos d’a Portela, publicación pioneira que en 1876 marcou un fito fundamental na normalización da lingua galega na prensa escrita e na creación dun espazo de opinión e identidade propia.
Porén, o apoio da Xunta da Galiza ao Día dos Medios en Galego non parece manter unha gran relación co apoio a eses medios que di celebrar. Recorrentemente, esa presunta protección vese desmentida por cuestións que afectan tanto os medios públicos como privados, tanto no aspecto do financiamento como do respecto á pluralidade.
O Colexio Profesional de Xornalistas da Galiza (CPXG) fixo onte público un comunicado no que chama a "dar pasos valentes para asegurar o mantemento do xornalismo en galego", e recunca na necesidade de "regular dunha maneira eficiente as axudas e mesmo a concesión de publicidade institucional". Que é o que leva a un colexio profesional a facer fincapé en demandas que en calquera outro lugar se considerarían básicas?
Fernando de Paz, presidente de Amega, non dubida en cualificar a situación de escandalosa. "Nós tratamos de visibilizar unha realidade que semella que se oculta de forma intencionada. Existen uns 140 medios en galego, cunha diversidade amplísima que indican unha vitalidade enorme. Pero o apoio do Goberno galego é moi escaso. No caso das axudas ao galego na prensa, resulta escandaloso que os medios que fan o esforzo de publicar só en galego teñan que repartir cantidades ridículas mentres dan cantidades desproporcionadas a medios que apenas empregan a lingua de forma simbólica".
Belén Regueira, presidenta do Colexio Profesional de Xornalistas da Galiza toca, en declaracións a este xornal, outro tema moi debatido: o cumprimento dos mínimos do uso do galego necesarios para obter unha axuda, no caso dos medios publicados en castelán. "Hai tempo que estamos pedindo un incremento dos orzamentos dirixidos a medios en galego, pero tamén que os criterios lingüísticos nas axudas xerais asuman obxectivos máis ambiciosos en canto a porcentaxes de uso da lingua e unha avaliación do grao de cumprimento deses mínimos estabelecidos, porque se cadra hai que ir a outro tipo de formula, se se busca incrementar o uso do galego."
A peor situación de Europa
Martxelo Otamendi, secretario xeral de Midas, a Asociación Europea de Diarios en Linguas Minoritarias, non deixa marxe de dúbida. "O apoio do Goberno da Galiza aos medios na súa lingua propia é, sen contestación, a peor de Europa", sentencia. Explica que en Midas existen dous grupos aos que se lle apón o adxectivo de minoritarias. O primeiro engloba medios editados en linguas que non son propias do Estado no que se publican, pero que son oficiais noutro Estado diferente. Por exemplo, xornais editados en sueco en Finlandia. "Aí as situacións son moi variadas: hainos que reciben apoio do país no que se publican, do país en que a lingua de publicación é oficial, dos dous, ou de ningún, cando subxace algún tipo de conflito político. Logo hai outro grupo que é o dos medios que publicamos nunha lingua minorizada no noso propio país, e aí entran os medios en catalán, en euskera e en galego, ademais doutros como os galeses. Neste grupo, os medios en galego son os que teñen a peor posición", destaca Otamendi.
As cifras falan por si soas. A convocatoria de axudas da Xunta para medios escritos exclusivamente en galego ten unha dotación orzamentaria de 200.000 euros, que deben repartirse entre unha vintena de cabeceiras, cun máximo estabelecido de 30.000 euros por medio. Existe outra convocatoria para medios dixitais, na que os medios en galego deben competir con grandes grupos editoriais, unha barreira que provoca que case toda a prensa dixital en galego quede excluída.
En Catalunya, a convocatoria de 2025 para medios en catalán, contaba cun orzamento de cinco millóns e medio para prensa escrita, case tres millóns e medio para medios dixitais, ademais doutros capítulos que superan o millón de euros de orzamento para radios e televisións.
En Euskadi manéxanse números mareantes se os comparamos cos do noso país. Só o diario Berria, que se publica en papel seis días á semana, recibe 3,45 millóns anuais.
Axudas discrecionais
A maiores das axudas estruturais, existe outra vía para financiar medios que se emprega de maneira completamente arbitraria, a da publicidade institucional. Fernando de Paz opina que é urxente regular a publicidade institucional e engade: "Os criterios que rexen para este tipo de publicidade son de difusión, co que os medios en galego saen perdendo fronte aos grandes emporios da comunicación, que teñen tiraxes moito maiores. E o que é peor, moitas veces dopados pola propia Administración, que adquire, de forma arbitraria, milleiros de exemplares dalgunhas cabeceiras -para, por exemplo, repartir nas escolas- e engordando así o número de exemplares vendidos deses medios, o que lles permite acceder a esa publicidade".
En 2014, Amega solicitou no Parlamento da Galiza a elaboración dunha lei de publicidade institucional onde se recollesen criterios de rendibilidade social, entre os que estaba unha reserva orzamentaria para garantir que os medios en galego puidesen acceder a esas partidas. A proposta tiña dous obxectivos principais: "cultivar, difundir e socializar o idioma galego" e que as axudas da Xunta ao sector "se repartan en convocatorias públicas e obxectivas ás que todos os medios poidan concorrer en igualdade de condicións". A proposta obtivo o apoio de toda a oposición para a súa toma en consideración, pero o PP impuxo a súa maioría para evitar que a lei comezase sequera a tramitarse. E fíxoo malia que Alberto Núñez Feixoo, sendo presidente do Goberno galego, prometera múltiples veces presentar unha lei de publicidade institucional sen que nunca chegase a cumprir a súa promesa.
"O Goberno galego ten a obriga estatutaria de velar polo idioma, mais tamén polo dereito da cidadanía a acceder a unha información veraz e plural, a participación e á reflexión na lingua propia", acrecenta De Paz.
"A transparencia é unha cuestión crucial, democraticamente falando, e debe presidir tanto a concesión de axudas directas como a de publicidade institucional", engade Regueira. "A cidadanía ten que saber canto chega a cada medio e cales son os criterios cos que se decide distribuír cartos públicos. É hai unha lei europea en vigor desde agosto que obriga a esta transparencia. Unha obriga que atinxe aos propios medios pero tamén á Administración".

