Do Tío Marcos d’A Portela até hoxe: o Colexio de Xornalistas pide “pasos valentes” para garantir os medios en galego
Este sábado, 7 de febreiro, faránse 150 anos desde a saída do prelo do número un de O Tío Marcos d'A Portela, o primeiro xornal redactado integramente en galego, impulsado por Valentín Lamas Carvajal. A data serve de celebración do xornalismo nesta lingua, a través do Día dos Medios en Galego, que cada ano organiza AMEGA. Mais, como lembra o Colexio de Xornalistas, non se debe esquencer que o galego iniciara xa antes unha "débil pero constante relación co xornalismo".
Este mesmo 5 de febreiro facíanse 214 anos do primeiro escrito xornalístico en galego, unha carta á Gazeta de Santiago asinada por Ramón González Senra, e até antes diso xa se publicaran textos líricos noutras publicacións informativas. A información en galego, fronte a todos os impedimentos, seguiu a sobrevivir e marcou distintos fitos na prensa diaria, a radio, a televisión e a información dixital. Porén, como advirten desde o Colexio Profesional de Xornalistas, a crise dos medios en galego de comezos da ségunda década dos 2000 deixou unha forte pegada no sector, mais, mesmo así, a AMEGA constata uns 140 medios que continúan a usar a lingua a día de hoxe.
Para o Colexio de Xornalistas, a práctica do xornalismo en galego é un legado que é preciso conservar e manter, "non só pola súa importancia para garantir a supervivencia do idioma, senón pola necesidade dun ecosistema mediático forte e plural que se pareza cada vez máis á cidadanía que quere reflectir". Neste sentido, a organización ve necesarios "pasos decididos e firmes" tanto desde as administracións como desde as direccións dos medios que fortalezan a información nesta lingua e que aseguren o seu mantemento tanto na actualidade como no futuro.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ten xa insistido na necesidade de regular dunha maneira eficiente as axudas e mesmo a concesión de publicidade institucional, trasladando á Xunta de Galiza diversas propostas neste sentido, para asegurar un xornalismo en galego "autónomo, independente e plural", que non sexa apenas unha presenza anecdótica entre moreas de información en castelán.
O ano pasado, o foro participativo Un país coa súa lingua, impulsado polo Consello da Cultura Galega insistía nesta mesma liña e propuña tamén outras medidas, como un código de boas prácticas para que os medios respecten a lingua orixinal das declaracións en galego, estabelecer un plan plurianual de dixitalización e licenza do patrimonio audiovisual ou impulsar formación específica.
