"Sólo faltas tú", a Deputación de Pontevedra usa o español para publicitar na Galiza o Castelo de Soutomaior
A campaña publicitaria forma parte dunha estratexia para converter os castelos de Soutomaior e Sobroso en “bastións do modelo de turismo”.
“Tenemos castillos, leyendas, historia y stories. Sólo faltas tú”. Con esta mensaxe en español promociona a Deputación de Pontevedra o Castelo de Soutomaior (comarca de Vigo).
Faino no marco dunha nova estratexia da institución provincial para converter os castelos de Soutomaior e Sobroso, en Mondariz (O Condado), nos “bastións do modelo de turismo de calidade e desestacionalizado que ofrecen as Rías Baixas”. Existe tamén a versión do Castelo de Sobroso, situado en Mondariz (O Condado): “Tenemos bufones, trobadores, juglares e influencers. Solo faltas tú”.
A campaña, presentada o pasado 13 de novembro, acolle oito liñas de actuación cun horizonte de catro anos e un investimento próximo ao millón de euros.
“Nas Rías Baixas temos tesouros ocultos ou menos coñecidos, dúas xoias aínda por descubrir: son os castelos de Soutomaior e Sobroso. Esta convocatoria vai axudar a que os de dentro e os de fóra descubramos a historia, a beleza e as múltiples posibilidades destes dous emblemas da nosa provincia”, explicou o presidente da Deputación, Luís López.
Mais “os de dentro e os de fóra” saberán deste patrimonio nunha lingua que non é o galego. A posta en valor dos castelos de Soutomaior e Sobroso, nunhas imaxe publicitarias que a Deputación de Pontevedra asina a través do seu departamento Turismo Rías Baixas, é en español, a pesar de que na propia rolda de prensa a institución recoñecera que as iniciativas propostas na campaña diríxense a un perfil de visitante “fundamentalmente galego”.

