Queremos Galego chama a "facer historia" na mobilización do 17-M para "mudar o rumbo" da lingua
A plataforma Queremos Galego chamou esta cuarta feira a "facer historia" na mobilización deste sábado, 17 de maio, reunindo "miles e miles" de persoas en Compostela para "obrigar o Goberno galego a mudar o rumbo" das súas políticas para o idioma.
A mobilización do sábado ten que ser un "día de alegría, de reivindicación de celebración", afirmou a coordinadora de Queremos Galego, Celia Armas, nun acto que reuniu unha representación das ducias de entidades e colectivos que apoian a manifestación. De alegría na grande foliada que porá o ramo na praza do Obradoiro á manifestación, de reivindicación para exixir unha mudanza nas políticas lingüísticas da Xunta da Galiza, e de celebración, "porque a pesar de todo mantemos a lingua galega fronte á belixerancia do Goberno galego".
A mobilización deste sábado foi tecéndose a partir das asembleas e propostas que decorreron nestes meses en máis de 20 plenarios comarcais polo idioma. Todos pulando para que sexan miles as persoas que o 17-M enchan Compostela. "Vai haber transporte desde máis de 30 localidades", apuntou Armas. Toda a información sobre esta cuestión está na web da plataforma, informou.
A marcha comezará ás 12 da Alameda e terá un novidade importante xa de inicio: o percorrido é diferente ao das mobilizacións tradicionais, pois non pasará pola rúa da Senra, nin a praza da Galiza nin o Ensache, senón que se adentrará xa ao seu principio na zona vella pola Avenida de Figueroa. Rematará no Obradoiro, nun acto conducido por Isa Risco e ao que porá o ramo unha grande foliada entre todas as persoas asistentes. "Animamos a que a xente traia pandeiretas e instrumentos", convidou Armas.
Cumprir cos consensos
O portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira, afirmou que a situación de "emerxencia lingüística" na que está o galego ten unha das súas orixes en que o actual Goberno galego acumula anos sen "cumprir os acordos adoptados no seu día por consenso" sobre o idioma e plasmados en documentos como o Plan xeral de normalización da lingua galega, de 2004.
"Este 17 de maio é imprescindíbel saír á rúa", manifestou Maceira, facendo fincapé en que o Executivo galego "só se move, só actúa" cando hai mobilización social en torno á lingua. Neste sentido, apuntou que foi a raíz da grande manifestación de Queremos Galego do 23 de febreiro que o Executivo "empezou a facer anuncios", como o dunha etiqueta para empresas que usen o idioma, "etiqueta que A Mesa puxo en marcha hai anos".
O portavoz da plataforma insistiu en que "a mobilización social é o único camiño que pode obrigar a mudar o rumbo" das actuais políticas lingüísticas. Por iso, engadiu hai que "facer historia" o 17 de maio. "Ten que ser unha mobilización histórica, imos ser miles e miles na rúa", afirmou.
"Os nosos netos e netas dirán que falan galego grazas á mobilización dos seus avós e aboas", dixo Marcos Maceira, que indicou que Queremos Galego asume "a responsabilidade" da que "desertou" o Executivo galego: a defensa do idioma propio da Galiza. E convidou o Goberno galego a tomar nota da mobilización social que este sábado se vai desenvolver na capital da Galiza.

