En galego, deica a morte

Pode ser que o galego estea en perigo de morte, mais o que si é certo é que a morte non está en galego. Abonda só entrar en calquera cemiterio do país, no que non falta letra por toda parte, para comprobar que o galego está ausente da maior parte das homenaxes familiares das lápidas. Tampouco os enterros e as lembranzas en días como estes se celebran na nosa lingua. Malia iso,  o galego está na fala da maior parte dos cemiterios os días de Defuntos e Santos. 

Tumba Leiras Pulpeiro
photo_camera Tumba Leiras Pulpeiro

As cifras son tan terroríficas como o medo do Samaín. A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG) leva arredor de quince anos querendo galeguizar o fin da vida mais os datos que manexan son alarmantes. Unha de cada mil lápidas está en galego e un 2 % das necrolóxicas están escritas na nosa lingua. Mesmo no ámbito rural, en familias monolingües en galego o encontro coa morte prodúcese na inmensa maioría en español. 

Co fin de mudar a situación, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística convocou na xornada do día 23 de outubro en Bonaval a representantes de entidades e institución para acadar un compromiso formal que contribuíra de maneira decisiva a darlle a volta a unha situación que empeorou nos últimos anos. PP, PSdeG, BNG, Anova, Izquierda Unida, Compromiso por Galicia,  Unións Agrarias, UGT, CIG, CUT e CC OO ademais da Secretaría Xeral de Normalización Lingüística participaron no día da “Restauración da Memoria Lingüística de Galicia”, xornada que desde a AFNLG se quere institucionalizar. Entre outras cousas, as persoas asistentes asinaron a declaración de vontade na que queda de manifesto a vontade de teren unha despedida final en galego. 

De non ser en galego, mellor en silencio

“Quero que todo o relativo ao meu funeral e enterro se realice exclusivamente en lingua galega e polo tanto pido á miña familia, ás autoridades relixiosas e civís e aos servizos funerarios que fagan en lingua galega canto teñan que facer, público ou privado, oral ou escrito”, reza o documento que recolle a vontade de quen o asina de ser enterrado en galego. Se terceiras persoas tratasen de impedir que isto acontecera, o texto incorpora o desexo de que calquera familiar ou persoa próxima tome as medidas para facelo mais, en caso de absoluta imposibilidade “faga que se me enterre en silencio”

O documento aprobado diríxese aos axentes implicados na última despedida, en especial ás funerarias mais tamén aos concellos, aos que instan, entre outras cousas, a sinalizar o lugar cunha placa en galego co recoñecemento da herdanza lingüística das persoas alí enterradas, mudar a placa dalgún ou algunha significad@ mort@ para pasala á nosa lingua, co consentimento da familia.

Comentarios