Pontón reclama a supresión do "decreto da vergoña": "O PP pon en risco a supervivencia do galego"
"Non imos permitir que lle rouben a nenas e nenos a liberdade de falar en galego", sentenciou a portavoz nacional do BNG esta sexta feira no Grove.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, cargou esta sexta feira contra a xestión en materia lingüística dos gobernos na Xunta da Galiza do PP, aos que responsabiliza de que "a superviviencia" da lingua glalega estea "en risco" .
Após coñecerse os datos da enquisa do Instituto Galego de Estatística (IGE) que revelan, entre outras cuestións, que o español é xa o idioma máis falado na Galiza e que un terzo das crianzas saben "pouco ou nada" de galego, Pontón advertiu da situación "dramática" da Galiza.
"Os datos confirman até que punto a política de acoso e derribo do Partido Popular contra o galego está a ser eficaz levándonos a unha situación na que está en risco a propia supervivencia do idioma", aseverou a líder nacionalista en declaracións aos medios no Grove (O Salnés).
O BNG volveu a reclamar a supresión do decreto do plurilingüsmo, que rebautiza como o "decreto da vergoña", e pide ao presidente galego, Alfonso Rueda, que convoque os líderes dos partidos para abordar a situación "dramática" que debuxan os "demoledores" últimos datos do IGE.
"Non imos permitir que lle rouben a nenas e nenos a liberdade de falar en galego", incidiu Pontón, que cre que as políticas do PP "atacan directamente o que máis une como sociedade que é a lingua propia da Galiza".
O decreto, sinalado
A portavoz do BNG sinala o decreto do plurilingüismo aprobado en 2010 como responsábel da caída do uso e coñecemento da lingua galega. Así, pon o foco en que a primeira xeración educada integramente baixo esa normativa (de entre 5 e 14 anos) vive un "proceso de substitución lingüística" que, para o BNG, é o obxectivo pretendido polo PP cando aprobou un decreto que prohibe dar materias como matemáticas, física, química ou tecnoloxía en galego.
Pontón denuncia o "camiño ao monolingüismo" que aprecia na política lingüística dos gobernos do PP na Xunta desde 2009 e que converteu, ao seu xuízo, a escola nun "elemento de desgaleguización". "Moitas nenas e nenos entran pola porta da escola falando en galego e saen sen falalo", apostilou.
Por todo iso, reclamou a Rueda que, como primeiro paso, recoñeza que existe "un problema" en lugar de continuar "impasíbel" mentres o galego "se desangra" como consecuencia dunha "política premeditada de acoso" que, segundo Pontón, iniciouse coa participación do propio Rueda na manifestación de Galicia Bilingüe

