A Mesa pola Normalización Lingüística sitúa a Galiza en "emerxencia lingüística extrema"
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, cualificou de "desastre" a situación que revelan os datos publicados esta sexta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre o uso do galego e culpou directamente ao Decreto do Plurilingüismo da Xunta da Galiza. "Estamos en emerxencia lingüística extrema", asegurou.
Sobre isto, afirmou que se trata dunha política lingüística "contra o galego", xa que a lingua queda "excluída legalmente de 70% das materias impartidas" no ensino escolar –o decreto marcaba a presenza de idiomas nun 33% cada un, castelán, galego e inglés–. Para Maceira, esa é a "única explicación" de que, tal e como apuntan os datos, un terzo de crianzas de máis de 5 anos saben falar "pouco ou nada" na lingua cooficial. "Son a consecuencia lóxica da exclusión do galego da maior parte dos ámbitos da vida social", lamentou.
As cifras derivan da actualización que realiza este 11 de outubro o instituto demoscópico do módulo específico de coñecemento e uso do galego da súa enquisa estrutural a fogares (unha información realizada a partir de case 10.000 enquisas). En concreto, o estudo que publica o IGE certifica que son xa máis os cidadáns que residen en Galicia fálanos sempre en castelán –un 29,66%– que os que utilizan a lingua cooficial no seu día a día de forma continua –24,37%–.
Así, no apartado relativo a saber falar o idioma, 32,44% de nenos de entre 5 e 14 anos (32,44%) sabe falar "pouco ou nada" en galego. O contrapunto está nos maiores de 64 anos: un 16,6% recoñecen saber "pouco ou nada", pero máis do 50% afirma dominar o idioma moito.
A Xunta achaca á chegada de poboación do exterior o predominio do castelán na Galiza
"Animadversión á lingua"
Maceira referiuse ás declaracións de Valentín García nas que alegou que a chegada de poboación do exterior "inflúe directamente" no aumento de persoas castelanfalantes e negou que isto sexa así. Considera que se ese aumento se dese noutro segmentos de idade, como en maiores de 40 anos, por exemplo, podería utilizarse como xustificación, pero insiste en que os peores datos rexístranse na poboación que "estudou con ese decreto".
Para o presidente da Mesa, os datos son "terroríficos", "un desastre". "Estamos en niveis de emerxencia lingüística extrema. A situación de descenso que se produce no últimos cinco anos é terríbel. E se non se toman medidas, a situación vai ser grave", advertiu.
"O triste", continuou, é que hai "posibilidades de reverter a situación". "Pódese facer se se poñen todas as políticas a disposición da lingua, co mínimo de garantir que hai posibilidade de uso en todos os ámbitos". "Ou hai animadversión á lingua ou non se entende que eses dereitos non se poidan garantir", denunciou. Máis aló do problema na educación, Maceira puxo o foco noutros ámbitos como a administración, a xustiza ou o tempo libre (0,4% nos xoguetes, 1% no audiovisual, ausente en actividades deportivas).
As demandas da Mesa
Maceira expuxo as peticións da entidade en defensa da lingua, entre as que está "avanzar" para que o galego sexa lingua vehicular, modificar as leis do poder xudicial para garantir que os procedementos poidan levarse a cabo en galego, eliminar os obstáculos á actividade en galego dos medios de comunicación e garantir o uso da toponimia oficial, entre outras.
Así mesmo, lembrou que traballan para "reverter" a situación e, entre outras accións, informou de que esta mesma sexta feira enviaron á Comisión de Dereitos Humanos da ONU un informe sobre a situación que se vive na educación, a xustiza e a administración, que se exporá o 30 de abril en Xenebra.
Por último, lamentou que o Conselleiro de Cultura e Política Lingüística, José López, non aceptase reunirse con eles após dúas peticións formais. A Xunta de Galicia convocou para o próximo 24 de outubro a todos os grupos políticos con representación parlamentaria para "negociar un gran pacto polo galego".
