Palabras con memoria: vicios confesábeis

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
Cachelón é quen rompe con frecuencia pezas de louza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Cachelón é quen rompe con frecuencia pezas de louza. (Foto: Nós Diario)

cachelón/a.- Persoa que con frecuencia rompe pezas de louza.
Exemplo.- “Son tan cachelón que nunca collo un vaso nas mans.”
Lugar de escoita.- O Morrazo.
Fonte.- Carme Plata.
Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

caganabizas.- Persoa covarde, sen afouteza, sen azos para afrontar a vida.
Exemplo.- “Que caganabizas es! Nunca has chegar a nada co medo que tes de asumir retos.”
Lugar de escoita.- Porqueira (Ourense).
Fonte.- Antón Méndez Gándara.

carpizo/a.- Persoa áspera.
Exemplo.- “Tes que ser prudente porque Pedro é un carpizo.”
Lugar de escoita.- O Morrazo.
Fonte.- Ángeles Costa.
Outros apuntamentos.- Pronúnciase con seseo. Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

ceboleiro/a.- (Ademais de significados xa coñecidos) Trapalleiro/a, zarapalleiro/a, que fai mal as cousas.
Exemplo.- “É unha ceboleira, por acabar axiña coseuno ao revés.”
Lugar de escoita.- Burela.
Fonte.- Mario Ferreira López.

eduardiño/a.- Inocente.
Exemplo.- “Ti cres o que che están decindo estes? Es ben Eduardiño.”
Lugar de escoita.- Corme.
Fonte.- Vocabulario cormelán.
Outros apuntamentos.- Asociación Veciñal de Corme.

Comentarios