Palabras con memoria: vellas palabras

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
As aveacas son dúas pezas que forman parte do arado de pao, a carón do temón, cuxa función consiste en afastar a terra para os lados. Úsase no millo e sucando o centeo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera As aveacas son dúas pezas que forman parte do arado de pao, a carón do temón, cuxa función consiste en afastar a terra para os lados. Úsase no millo e sucando o centeo. (Foto: Nós Diario)

aveacas.- (Ademais de significados xa rexistrados) Son dúas pezas que forman parte do arado de pao, a carón do temón, cuxa función consiste en afastar a terra para os lados. Úsase no millo e sucando o centeo.
Lugar de escoita.- Canices, O Reino e todo o concello de Piñor.
Fonte.- Antonio Moure Narón.

canvóns.- Ganchos cos que se enganchaba a caldeira á estada.
Lugar de escoita.- Vilouzán (Láncara).
Fonte.- Suzana do Páramo.

dorno.- (Ademais de significados, algún aproximado, xa rexistrados) Baño para salgar o porco.
Lugar de escoita.- San Fiz de Asma (Chantada).
Fonte.- Xosé Miranda.

olar.- Pedra de quentarse.
Lugar de escoita.- Boiro.
Fonte.- Alumnado do CEIP Praia Xardín (recompilado polo EDLG do Centro).

toque.- (Ademais doutros significados rexistrados) Pau para machucar as amoras dentro dunha canaveira seccionada. Palliña ou herbiña para tirar o grilo da toca facéndolle as cóxegas.
Lugar de escoita.- Ferrolterra.
Fonte.- Henrique Dacosta.

Comentarios