Palabras con memoria: variedades

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
"Non come garuto" é unha forma de dicir que "non come nada" en zonas como Nois, na Mariña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera "Non come garuto" é unha forma de dicir que "non come nada" en zonas como Nois, na Mariña. (Foto: Nós Diario)

chamarse de Covas.- Desentenderse dun asunto.
Exemplo.- “Cando foi de pagar a cea, chamouse de Covas e foi ao baño.”
Lugar de escoita.- Burela.
Fonte.- Mario Ferreira.
Outros apuntamentos.- A fonte apunta que non sabe ben se a expresión se refire ao topónimo viveirense de Covas ou ao apelido dunha familia rica que tiña señorío na parroquia focense de Nois. O certo é que, quen oficia de compilador ten escoitado algo parecido pola zona...

desamitirse.- Despreocuparse, desentenderse, desvincularse.
Exemplos.- “Desamitiuse dela”, “Eu desamítome diso.”
Lugar de escoita.- San Martiño e Santo Adrán de Cobres (Vilaboa do Morrazo).
Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

esboucinchar(se).- Esparexer(se), espallar(se), estender(se), esparrar(se).
Exemplo.- “Ese queixo esboucinchouse.”
Lugar de escoita.- Pombeiro (Pantón).
Fonte.- Antonio Reigosa.

garuto.- Nada.
Exemplo.- “Non come garuto”, “Non vale garuto.”
Lugar de escoita.- Nois (A Mariña luguesa).
Fonte.- Marcos Candia.

matulo.- Envoltorio máis ou menos voluminoso, de contido descoñecido.
Exemplo.- “Levaba un matulo na cabeza.”
Lugar de escoita.- Gondaísque (Terra Cha).
Fonte.- Antonio Eimil.

polo corolario.- Por regra xeral.
Exemplo.- “Polo corolario as mimosas florecen en xaneiro”. “Polo corolario o carteiro chega ás doce.”
Lugar de escoita.- Xove (Mariña luguesa).
Fonte.- Marica Campo.

Comentarios