Palabras con memoria: sentimentos na palabra

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.

Arrefusía é a présa ou determinación con que se fai algo. (Foto: Teodor Lazarev)
photo_camera Arrefusía é a présa ou determinación con que se fai algo. (Foto: Teodor Lazarev)

afoute.- Alegre, contento.
Exemplo.- “Estás hoxe moi afoute.”
Lugar de escoita.- Sabucedo (A Estrada).
Fonte.- Manuel Cabada Castro.

arrefusía.- Présa, determinación, apuro, urxencia.
Exemplo.- “Entrou pola porta cunha arrefusía...!”
Lugar de escoita.- A Mariña luguesa.
Fonte.- Miguel Hernández Viñas.

empleita.- Teima, empeño.
Exemplo.- “Colleron de empleita a sega da herdade e non pararon ata rematar.”
Lugar de escoita.- Escudeiros - Ramirás (Ourense).
Fonte.- Xoán Carlos Domínguez Alberte.
Outros apuntamentos.- Adoita ir precedida do verbo coller e da preposición de.

parchada.- Demostración tenra de agarimo e benquerer, especialmente dirixida aos nenos.
Exemplo.- “Non chores máis, vén aquí, que che dou unhas parchadiñas.”
Lugar de escoita.- O Morrazo.
Fonte.- Francisco Tilves Guimeráns.
Outros apuntamentos.- Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

rechina.- Rabia.
Exemplo.- “Cando lle oio falar diso, péghame unha rechina...”
Lugar de escoita.- Santa María de Taboexa (As Neves).
Fonte.- María Isabel Fernández Vidal.

Comentarios