Palabras con memoria: embutindo a lingua

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
'Cagalla' é a bóla de separación entre dous chourizos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera 'Cagalla' é a bóla de separación entre dous chourizos. (Foto: Nós Diario)

cagalla.- (Ademais de significados xa rexistrados. Figurado) Chámaselle así á bóla de separación entre dous chourizos. Córtase pola metade para non desfacer o atado, así perden menos graxa ao cocer.
Lugar de escoita.- Corvelle (Sarria).
Fonte.- María Xosé López Castro.

chicho.- (Ademais de significados xa rexistrados) Chicha, carne en xeral.
Lugar de escoita.- O Courel.
Fonte.- Dun vocabulario courelao.

chourizos de masa.- Tipo de chourizos algo gordos, feitos cunha masa de fariña con sangue cocida do porco con algunhas uvas pasas mesturadas coa masa; tomábanse despois de fritos na tixola en pequenas rebandas e sabían doces e agradábeis.
Lugar de escoita.- Sabucedo (A Estrada).
Fonte.- Manuel Cabada Castro.

coiracha.- Embutido do estilo do chourizo pero feito a base de coiros de porco embuchados en tripa.
Lugar de escoita.- A zona do Bolo (Ourense).
Fonte.- Marcos Seixo.

perepetes ou perespés.- Intestino groso do porco que se enche con pasas, arroz, pan, carne, figos, piñóns...
Lugar de escoita.- Sur de Galiza.
Fonte.- Eugenia Davila/C. D. Atalaia de Vigo.

Comentarios