Palabras con memoria: expresións diversas

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.

Ter cartos 'a enciñar' significa ter unha chea de cartos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ter cartos 'a enciñar' significa ter unha chea de cartos. (Foto: Nós Diario)

agusto/agustiño.- Amodo/amodiño.
Exemplo.- “Vai agusto na moto, que esa estrada ten moitas curvas.”
Lugar de escoita.- Taboada (Lugo).
Fonte.- Paula Ferreiro Pena.

bate.- Dous, par/pares.
Lugar de escoita.- Bergantiños.
Fonte.- Alberte Suras.
Outros apuntamentos.- É moi posíbel que derive da xiria dos canteiros. Ten semellanza co termo "batoi" empregado no euskera para referirse a "par/pares".

callado/a.- (Ademais doutros significados xa rexistrados) Moito/a.
Exemplo.- “Gústame callado ir ao cine.”
Lugar de escoita.- Nois (A Mariña luguesa).
Fonte.- Marco Candia.
Outros apuntamentos.- A fonte subliña o paralelismo co uso, tamén na Mariña, da palabra "espeso".

cha.- (Ademais de significados xa coñecidos) Grande cantidade, abundancia, chea.
Exemplo.- “Había unha cha de xente no concerto da banda.”
Lugar de escoita.- Burela.
Fonte.- Mario Ferreira López.

enciñar (a).- Moito, en abundancia.
Exemplo.- “Esa tenche cartos a enciñar.”
Lugar de escoita.- Burela.
Fonte.- Mario Ferreira López.
Outros apuntamentos.- Ten o mesmo significado que callado ou espeso.

Comentarios