Palabras con memoria: corpus lingüístico

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.

O cobrante é o sono que lle entra na mesa a unha persoa cando acaba de comer. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O cobrante é o sono que lle entra na mesa a unha persoa cando acaba de comer. (Foto: Nós Diario)

catro pés (a).- (Ademais do significado máis usual e casemente oposto) A toda velocidade, a todo meter, liscando, bulindo.
Exemplo.- “Foilles hora, marcharon a catro pés.”
Lugar de escoita.- Sabucedo (A Estrada), Cerdedo, Vigo, Vila de Cruces, Baleira (Lugo).
Fonte.- Manuel Cabada Castro.

cobrante.- Sono que lle entra na mesa a unha persoa cando acaba de comer.
Exemplo.- “Onte bebín viño na comida e entroume un cobrante de coidado.”
Lugar de escoita.- Atios (O Porriño).
Fonte.- Josefa Giráldez.
Outros apuntamentos.- Desde a APAMP (Vigo).

correr o vento, a.- Sacudir o frío correndo.
Lugar de escoita.- Valadares (Vigo).
Fonte.- Begoña Lourido.
Outros apuntamentos.- Dío unha muller de Valadares, Vigo, nos días fríos porque llo dicían a ela de pequena para animala a sacudir o frío correndo.

estrincar.- Facer forza coas pernas ao estiralas.
Exemplo.- “Eu tiraba pola corda do can, pero el estrincaba e non fun quen de traelo para aquí.”
Lugar de escoita.- Burela (Mariña luguesa).
Fonte.- Mario Ferreira.

galoupos.- Impo.
Exemplo.- “Ultimamente que galoupos tan fortes tes.”
Lugar de escoita.- Quireza (Cerdedo-Cotobade).
Fonte.- María Asunción Álvarez Touriño.

Comentarios