Palabras con memoria: construcións

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.

A viga é coñecida como 'vigue'
photo_camera A viga é coñecida como 'vigue' no Courel (Foto: Vasily Ulyanov).

azaguán.- Vestíbulo, entrada da casa.

Exemplo.- “Pousei as bolsas no azaguán cando cheguei.”

Lugar de escoita.- Cerceda.

Fonte.- Lorena García Costa./ CPI O Cruce de Cerceda.

balsa (do porco).- Salgadoiro, baño.

Lugar de escoita.- Santo Adrán de Cobres (Vilaboa do Morrazo).

Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

chapicada.- (Ademais de significados xa rexistrados) Traballo ou reparación de pequena importancia. Chapuza.

Exemplo.- “Leva un ano parado e vai malvivindo facendo chapicadas.”

Lugar de escoita.- A Coruña.

Fonte.- Henrique Harguindey.

escadamar.- Estropear ou descompoñer algún obxecto.

Lugar de escoita.- A zona de Amoeiro (Ourense).

Fonte.- Carlos Manuel Gómez Bóveda.

moneco.- Presada de barro onde se asenta un enxerto.

Lugar de escoita.- Arbo.

Fonte.- Pedro Salgueiro Sexto.

Outros apuntamentos.- Cando se enxerta unha puga, únese ao patrón cun pegote de barro agarrado cun plástico e arames.

Vigue.- Viga.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

Comentarios