Palabras con memoria: coidando a saúde

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.

Os cadros de persoal están reducidos á metade en boa parte dos centros de saúde da Galiza. (Foto: Europa Press)
photo_camera Arrizar significa mellorar a saúde no Morrazo. (Foto: Europa Press)

afacañar.- Camiñar con dificultade, con pasos moi curtos, propio de persoas maiores ou enfermas.
Lugar de escoita.- Navia de Suarna.
Fonte.- Toño Núñez.

arrizar.- (Ademais de significados xa rexistrados) Mellorar a saúde, recuperar as forzas, ir a máis.
Exemplos.- “Non arrizaba, non collía forza”, “Planteina o ano pasado, pero non arriza.”
Lugar de escoita.- San Martiño (Vilaboa do Morrazo).
Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

bércolas, non andar ben das.- Expresión que define unha situación anómala no funcionamento cerebral.
Lugar de escoita.- A bisbarra de Viveiro.
Fonte.- Marcelino Fernández Mallo.
Outros apuntamentos.- A fonte apunta que bércola (ou vércola) pode ser un sinónimo de neurona.

carepa.- (Ademais de significados xa rexistrados) Capa dura de sangue seco que se forma na superficie das feridas e que impide a perda de sangue, bostela.
Lugar de escoita.- Perdecanai (Barro- Pontevedra) e arredores.
Fonte.- Eva M. García Rei.

cuxillo.- (Ademais de significados xa rexistrados) É unha mancha que aparece sobre a pel que se vai estendendo pouco a pouco. Está producida polo veleno dun sapo, unha araña ou unha sapagueira que pasaron por riba dunha prenda de roupa da persoa afectada.
Lugar de escoita.- Zona entre Navia de Suarna e Fonsagrada.
Fonte.- Abel Yáñez Armesto.
Outros apuntamentos.- Segundo a fonte probabelmente se tratase dun fungo da pel que se curaba con cinza de allo.

esgulipar.- (Ademais doutros significados) Emprégase cando se vomita moito, cando se botan os fígados pola boca.
Exemplo.- “Non fales máis desas porcalladas, que me vou esgulipar.”
Lugar de escoita.- Burela.
Fonte.- Mario Ferreira López.

Comentarios