Nerea Couselo, Xandobela: "No mundo do xogo faltaba moita creación en galego e quixemos partillala co colectivo"

A iniciativa Xandobela leva desde 2005 fomentando a educación non-formal e a dinamización sociocultural a través da difusión do xogo. Os membros deste colectivo, Nerea Couselo e Chus Caramés, presentan agora a plataforma web somosxogo.gal, unha proposta de divulgación do patrimonio lúdico galego que aproveita a gran creatividade que hai no país. Para comezar, abren un concurso de creación de xogos, unha feira xogantina e unha escola de xogar. A dimensión lúdica, para elas, ten que estar presente en todas as idades e se é en galego, moito mellor. 
Chus Caramés, á esquerda, e Nerea Couselo, á dereita, participando na campaña 'Gústame… o galego!'. (Nós Diario).
photo_camera Chus Caramés, á esquerda, e Nerea Couselo, á dereita, participando na campaña 'Gústame… o galego!'. (Foto: Nós Diario).

Por que é importante o xogo na nosa sociedade?

Para nós o xogo é importante por ser unha maneira de sociabilizar moitos valores. Normalmente o xogo relaciónase coa infancia, mais tamén é importante na época adulta. O momento onde máis aprendemos e gozamos da vida é cando temos unha actitude lúdica. Nese eido é onde nós traballamos.

A recuperación do xogo forma parte do seu traballo?

En todas as súas vertentes. Sobre todo na actitude lúdica, a nivel metodolóxico. Somos educadoras e tentamos aplicar un método nas nosas intervencións. Sempre a través de recuperar o xogo en si ou como parte do patrimonio lúdico galego co que traballamos. A actitude lúdica está presente en case todo o que facemos.

En que consiste ‘Somos xogo’?

É un proxecto que levamos moitos anos ideando, desde que naceu Xandobela. Queremos recuperar a parte positiva e proactiva que nós lle vemos ao xogo, aínda que logo as persoas cando chegan a adultas semellan esquecer que esta actividade non só forma parte da esfera infantil e xuvenil. A idea é visibilizar o potencial do xogo e a metodoloxía lúdica en todas os apartados da vida de calquera persoa.

Após anos de proxectos de recuperación, quixemos que se puxesen en valor. Pensamos que no mundo do xogo faltaba moita creación en galego e quixemos partillala co colectivo. Sabemos de moita xente que crea xogos, no ámbito educativo, por exemplo. O profesorado é un gremio moi activo e creativo, sempre está a inventar xogos. Ocorre o mesmo nas familias. 

Que sacan das experiencias prácticas do xogo, sexa con crianzas ou con persoas adultas?

A nosa experiencia sempre é moi positiva. Nas actividades e nas intervencións que facemos, cando levamos ao público xogos tradicionais ou inventados por nós nunha festa ou celebración, propomos xogos totalmente analóxicos. A xente maior recibe os brinquedos con moita alegría por lembrarlles a infancia e as crianzas sorpréndense por non imaxinar que fose tan divertido.

O que máis nos gusta salientar destas experiencias é o diálogo interxeracional que se xera. É fermoso, mesmo a nivel emocional. A nivel metodolóxico os resultados tamén son bos. Calquera tipo de contido que queiramos achegar facémolo dunha maneira amena e intuitiva. Para xogar non hai que ter ningunha intencionalidade educativa, é o propio pracer polo xogo. Mais ao mesmo tempo, se se quere empregar para educar ,funciona sempre.

Que perigos ten o xogo na actualidade?  

A realidade é moi diversa. Para as crianzas é unha necesidade, algo moi serio, é a súa función na vida. Co tema da pandemia o seu espazo de xogo natural deixou de existir. Teñen as rúas, as prazas, os parques limitados. Trae moitos atrancos para o seu desenvolvemento social e físico. Non obstante, si que vemos que se están recuperando dinámicas familiares domésticas de volver ao xogo familiar.

Cando se podía baixar ao parque, ese tempo lúdico destinábase máis a acompañar a crianza e non tanto a un momento de xogar con ela. Coa pandemia, vemos que as dinámicas mudaron e as familias xogan na casa todas xuntas. Nese aspecto, os xogos de mesa recuperáronse e están a ter moi boa acollida. Ao mesmo tempo, liberáronse moitos materiais, e a nosa idea vai tamén na liña de partillar recursos, xogar xuntos e en galego.

Comentarios