Mirari Urruzola, artista e docente: "O público infantil é máis honesto. Non queda calado se non está entretido"

De Eukal Herria a Londres para rematar fixando a súa residencia definitiva en Compostela. Estes lugares definen a personalidade e a experiencia de Mirari Urruzola, artista e educadora que pasou polos estudos en Belas Artes para rematar creando espectáculos e obradoiros en galego para crianzas. Gañou experiencia coa compañía Teatro Buratini para despois fundar, coa súa irmá Larraitz, Títeres Babaluva, un proxecto que tenta dar a coñecer o traballo das mulleres dedicadas ás diferentes facetas artísticas. 
A artista e docente Mirari Urruzola no programa 'Os paxaros de Mans de Ouro'.(Nós Diario)
photo_camera A artista e docente Mirari Urruzola no programa 'Os paxaros de Mans de Ouro'.(Nós Diario)

Como definiría a súa profesión?

Definiríame sempre como artista e docente. Esta segunda idea é pola miña participación en moitos obradoiros de creación artística para bibliotecas, escolas, museos ou centros de arte contemporánea onde collemos un referente visual e creamos un espazo pedagóxico. Neles coñecemos unha artista vangardista muller, facemos un mural, creamos un teatriño de papel ou facemos un monicreque ou un obradoiro de ilustración como fixen a través da artista Menchu Lamas.

Os obradoiros, para crianzas ou para familias, son de educación artística. É unha práctica de como funciona o proceso creativo. Sempre coa idea de aprender sobre creadoras inspirándonos nunha artista contemporánea.

Que é máis exixente, o infantil ou o adulto?

Sempre traballei para público infantil. Vai acompañado do adulto, iso si. A diferenza é que o público infantil é máis honesto. Se se aburre fala, móvese, érguese, salta,... non queda calado se non está entretido. 

Hai descoñecemento das mulleres artistas?

Si, hai moito descoñecemento. E é moi necesario para que as nosas cativas e cativos teñan referentes visuais, non só referentes de escritoras. As artes visuais están na actualidade un pouco no esquecemento. Hai que darlle máis importancia á educación artística na infancia, serán as consumidoras nun futuro dos museos ou das bibliotecas e se non as coñecen non quererán ir. Para valorar tes que coñecer.

As escolas precisan apoio de persoal especializado en todos os ámbitos: nas artes, nas ciencias, na investigación,... para facer proxectos reais e non quedarse no académico.  

Como prepara os espectáculos?

Parto dunha referencia visual. Creo primeiro un espazo de xogo que ten que valer, ademais, como escenografía para min. Despois xunto un equipo conformado por guionista e director, unha responsábel da composición músical,... O equipo case sempre é o mesmo. Ademais do visual, creo elementos para que as crianzas poidan xogar e eu actuar. 

De que maneira se adaptou a esta situación de emerxencia sanitaria?  

A parte de xogo tivo que quedar  restrinxida e colleu máis forza a do espectáculo. Estou pensando en crear espazos onde as nenas e os nenos de 0 a 3 anos poidan xogar nun mesmo espazo. 

A incerteza é total. As contratacións baixaron moito e hai moitas cancelacións. As institucións e organismos que contratan non se fan responsábeis do que supón cancelar unha actuación. Traballamos pouco desde marzo e os compromisos que tes, queres facelos. Tratamos de adaptarnos, mais cada dous meses muda o panorama. Durante o confinamento, foi desde casa, despois era de rúa e agora veremos como será en interiores. É difícil adaptarse tan rápido.

Os espectáculos que teño son de sala e no verán non puiden facer na rúa.  Non sei como será actuar en teatros de 300 localidades no que igual poden ir 20 persoas separadas. A atmosfera será fría. 

Estes cambios quedarán?

Vai para tempo e será así por varios anos polo menos. Pensábase que serían uns meses e non vai ser así. Hai incongruencias como que no teatro temos un protocolo moi estrito, que me parece moi ben, e logo vas a un bar e xa se perderon as distancias. As medidas están ben, mais deberían ser iguais.

Comentarios