Mostras de solidariedade co veciño de Rianxo multado por reclamar ser atendido en galego

Unha trintena de persoas arroupou esta segunda feira nos xulgados de Santiago de Compostela o veciño de Rianxo (O Barbanza) sancionado pola Delegación do Goberno español na Galiza por exixir ser atendido en galego durante un cribado de Covid-19.
O veciño de Rianxo sancionado por pedir atención en galego onte á súa chegada aos xulgados. (Foto Arxina).
photo_camera O veciño de Rianxo sancionado por pedir atención en galego onte á súa chegada aos xulgados. (Foto Arxina).

"Temos lingua propia. Queremos vivir nela". Baixo este lema A Mesa pola Normalización Lingüística concentrouse onte ás portas dos xulgados das Fontiñas, en Compostela, para amosar a súa solidariedade co rianxeiro Xosé Agrelo, multado con 600 euros por reclamar o seu dereito a ser atendido en galego no centro de saúde da súa vila.

Os xulgados da capital galega acolleron a sesión xudicial –vista para sentenza– polo recurso presentado por Agrelo contra a sanción imposta pola Delegación do Goberno do Estado na Galiza por solicitar o uso do galego ao persoal sanitario que en abril de 2021 se ocupou del durante un cribado de Covid-19.

O castigo acabou nos xulgados tras se esgotar a vía administrativa, na que a Delegación do Goberno alegou que a multa –xa abonada, pero que a defensa, custeada pola Mesa, pide revogar– respondía a un asunto de "orde pública" denunciado pola Policía Local e desvinculado de calquera cuestión lingüística.

Porén, para o presidente da Mesa, Marcos Maceira, este caso é un exemplo da "clara conivencia" que existe entre Xunta e Estado para "negar sistematicamente" o dereito a comunicarse coa administración na lingua propia da Galiza e "amedrentar" a quen demanda o cumprimento dos seus dereitos lingüísticos.

Non se pode acusar a ninguén de querer ser atendido en galego

En declaracións a Nós Diario, Maceira afirma que na sanción imposta a Xosé Agrelo conflúen dúas accións complementarias de ambas as dúas administracións. "Por unha parte a Xunta non garante o dereito a unha atención en galego e por outra o Estado multa a quen reclama o exercicio dos seus dereitos en materia lingüística". É todo un "despropósito", di Maceira, ao que previamente suma a resposta da Policía Municipal de Rianxo, "que no seu atestado admite ter mentido sobre as garantías de exercicio dos dereitos lingüísticos da cidadanía, ao dicirlle que non ten dereito a solicitar se atendido en galego, e a negativa da Delegación do Goberno español a recoñecer como válidas as testemuñas que avalaban a versión da persoa sancionada, que segunda feira si se admitiron no xuízo".

Dereitos lingüísticos

O presidente da Mesa asegura que non deixarán pasar ningún caso. "Non se pode acusar a ninguén de querer ser atendido en galego". Desde A Mesa chaman a responder ante cada vulneración dos dereitos lingüísticos e acudir á Liña do Galego para pedir axuda ou asesoramento. "Non podemos deixar que se empregue a lexislación para amedrentar as persoas só polo feito de reclamar un dereito que teñen, e mais aínda aplicando a lei mordaza".

Para algo así, conclúe Maceira, non hai explicación legal nin racional, "só se pode entender baixo a perspectiva de querer amedrentar as persoas que usan o galego en servizos públicos".

Neste sentido urxe outra sorte de accións. "A Delegación do Goberno debería realizar xa unha campaña entre as forzas de seguridade informando de que os dereitos lingüísticos existen e de que esas forzas teñen obrigas non só en relación ao uso do galego senón da información que deben dar sobre o dereito de uso do galego aos cidadáns, porque estes casos non deixan de repetirse".
 

Comentarios