A Mesa traslada a Europa as "descualificacións" de Feixoo e Valentín García sobre o informe do Comité de expertos

“O presidente da Xunta e altos representantes do seu goberno optaron por desprezar, descualificar e manipular en público o contido do informe do Comité de expertos e da resolución do Comité de Ministros" sobre o galego, denuncia Marcos Maceira.

a mesa expertos
photo_camera Delegación da Mesa co Comité de Expertos

A Mesa pola Normalización Lingüística trasladoulle á Secretaría da Carta de Linguas Rexionais ou Minoritarias do Consello de Europa as declaracións do presidente da Xunta, Núñez Feixoo, e mais do Secretario Xeral e Política Lingüística, Valentín García, “desprezando o traballo do Comité de expertos e a resolución do Comité de Ministros do Consello de Europa” sobre o galego.

"Lonxe de informar e realizar os esforzos necesarios para atender as súas recomendacións", advirte Marcos Maceira, presidente da Mesa, na súa misiva ao Consello de Europa, "o presidente da Xunta e altos representantes do seu goberno optaron por desprezar, descualificar e manipular en público o contido do informe do Comité de expertos e da resolución do Comité de Ministros".

Para Maceira, as declaracións manifestan "un forte desprezo pola Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, polo Comité de expertos e polo Comité de Ministros" e faltan á verdade, xa que no proceso de monitorización foron atendidas tanto as opinións de organizacións como a propia Mesa, que entregou un amplo e documentado informe, como as de institucións académicas ou as da propia Xunta, a través do Secretario Xeral de Política Lingüística.

O presidente da Mesa tamén engade que a opinión do goberno galego foi incluída no informe emitido polo Estado español. "Pensamos que desprestixiar os procedementos de monitorización da Carta", remata Maceira, "o Comité de expertos independentes ou organizacións internacionais para a promoción dos dereitos humanos, a democracia e a lei como o Consello de Europa, non son admisíbeis de ningún punto de vista, e que atentan con moita claridade contra o artigo 6 da Carta".

Por todo isto, A Mesa solicítalle á Secretaría da Carta de Linguas Rexionais ou Minoritarias do Consello de Europa que inste a Xunta a que rectifique as declaracións-

Mobilizacións

A plataforma cidadá Queremos Galego chama a cidadanía galega a mobilizarse nas sete cidades galegas esta quinta feira 19 de decembro, ás 20h, "en resposta á situación de emerxencia lingüística que amosan con claridade datos como os do IGE" e para "reclamar que a Xunta cumpra coas demandas realizadas polo Consello de Europa".

Comentarios