A Mesa pola Normalización acusa Rueda de ser "o único presidente do mundo que renuncia á súa lingua"

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, lembra presidente da Xunta que a normativa comunitaria asegura "o uso e disposición" das linguas oficiais dos estados que tamén o sexan da UE, polo que non apoiar este mesmo status para o galego "está a limitar na práctica" a súa oficialidade dentro da Galiza.
Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. (Foto: A Mesa)
Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. (Foto: A Mesa)

A Mesa pola Normalización Lingüística acusou esta terza feira o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, de ser "o único presidente do mundo que renuncia á súa lingua", por non apoiar o recoñecemento do galego como un idioma oficial na Unión Europea (UE).

A través dun comunicado, o presidente da Mesa, Marcos Maceira, lembra presidente da Xunta que a normativa comunitaria asegura "o uso e disposición" das linguas oficiais dos estados que tamén o sexan da UE, polo que non apoiar este mesmo status para o galego "está a limitar na práctica" a súa oficialidade dentro da Galiza.

Maceira explica que facer oficial o galego na UE "tería incidencia directa" nas súas posibilidades de emprego "en todos os ámbitos". Por iso, cre que o presidente da Xunta "non só se nega á presenza" do idioma na UE, "coa forza simbólica que iso ten", senón tamén "a calquera presenza como lingua oficial e por tanto válida para todas as relacións sociais, económicas e administrativas".

O presidente da Mesa pola Normalización sinala que Rueda "boicotea" o idioma propio da Galiza e o mandato de promoción que estabelece o artigo 5 do Estatuto de Autonomía: "Pretende disimular a súa fobia a calquera presenza da Galiza coa voz propia do seu idioma nuns supostos custos que o Goberno español se comprometeu a financiar".

Ademais, di Maceira que esta actitude do presidente "demostra as verdadeiras intencións" que ten a Xunta no proceso para renovar o Plan Xeral de Normalización do 2004, que entre outros obxectivos xa reclamaba impulsar a "redefinición" da oficialidade da lingua na Unión Europea.

Comentarios