A Mesa denunciará ante a Xunta e Exteriores a discriminación lingüística que impediu numerosas viaxeiras voar a Reino Unido
A Mesa pola Normalización Lingüística solicitará explicacións ás embaixadas de España e Reino Unido para que aclaren por que non se ten en consideración o galego para poder viaxar e acceder a este último país.
A institución pola defensa da lingua recibiu nas últimas semanas as queixas de varios pasaxeiros e pasaxeiras que quedaron en terra tras negarlles, a aeroliña coa que ían viaxar, a entrada ao avión que os había levar até o Reino Unido.
Sorpresa no embarque
A prohibición de subir á aeronave colleunos por sorpresa, unha vez achegada toda a documentación exixida e tras confirmar o visto bo da compañía aos seus informes. Foi na propia terminal, na cola de embarque, onde descubriron que non podían acceder ao avión.
Non se pode facer un desprezo así a unha lingua cooficial nun territorio
Persoal de terra de distintas compañías impediulles o paso após comunicarlles que o certificado de antíxenos que presentaran para poder voar até o Reino Unido estaba en galego e non nunha das tres linguas aceptadas por este territorio: inglés, francés e castelán.
Malia contar coa validación das compañías aéreas, moitas viaxeiras perderon o voo por imperativo do persoal, sen que ningunha das persoas afectadas recibise aviso ningún de que non cumpría os requisitos do país de destino, para poder resolver ese contratempo e viaxar cando o tiñan previsto.
Vulneración dos dereitos lingüísticos
"Estamos ante unha discriminación polo uso do galego", confirma Marcos Maceira a Nós Diario. Segundo sinala o presidente da Mesa, nos últimos días confirmaron que a indicación última de ter que presentar un certificado de test de antíxenos negativo en inglés, francés ou castelán é do Goberno do Reino Unido, non da compañía aérea, polo que se van dirixir á embaixada británica "para que corrixa isto".
Queremos que a Xunta e o Goberno do Estado actúen e ofrezan explicacións
"Pero tamén queremos que a Xunta e o Goberno do Estado actúen, porque o galego é lingua oficial. Non pode haber unha discriminación con persoas que cumpren con todos os requisitos só porque o idioma no que se emitiu o certificado que lle exixen é lingua oficial no seu país", reitera Maceira.
Explicacións da Xunta e do Estado
Xunta e Estado deben garantir que se recoñeza e se poida empregar o galego con toda normalidade, incide, por que "as cousas poden estar en galego". E así como a Mesa resolveu tomar a iniciativa e dirixirse á embaixada do Reino Unido para que considere a nosa lingua, entre outras, Marcos Maceira entende que a quen lle corresponde facelo tamén é á Xunta mais ao Ministerio de Asuntos Exteriores, a quen urxe explicacións. "Non se pode facer un desprezo así a unha lingua cooficial nun territorio".
Tamén desde o BNG reclaman aclaracións ao Goberno galego após confirmar que varias aeroliñas impiden voar co certificado Covid en galego a diferentes destinos internacionais, un prexuízo grave para os viaxeiros e para o recoñecemento dos seus dereitos lingüísticos.
Restricións nas viaxes
As compañías aéreas habilitaron tras a pandemia da Covid información específica dirixida ás persoas viaxeiras para que poidan consultar as restricións e os requisitos temporais de entrada nos diferentes países de destino. Así, ademais do Reino Unido hai países como Alemaña ou Italia que especifican as linguas nas que admiten a documentación e aclaran que "de vir noutro idioma, deberá ir acompañado dunha tradución xurada" e outros como Francia, Irlanda ou Portugal que non estabelecen ningunha. Entre as aceptadas adoita estar o castelán, mais sen referencia ningunha ás linguas cooficiais.