A Mesa denunciará perante o Consello de Europa o veto da Xunta a ‘Nós Diario’ nas axudas aos medios

Marcos Maceira, presidente da Mesa.

A Mesa pola Normalización Lingüística anunciou na mañá da sexta feira que recorrerá ao Consello de Europa para denunciar a exclusión de Nós Diario nas axudas aos medios da Xunta da Galiza malia cumprir os criterios da convocatoria de subvencións.

"Non podemos consentir que os medios en galego fiquen sen as axudas para publicar en galego só por publicaren en galego". Eis a reacción da Mesa pola Normalización Lingüística á información publicada por Nós Diario na que se dá conta do veto da Xunta da Galiza a este medio nas axudas á prensa.

A entidade en defensa do galego anunciou na mañá da sexta feira que porá en coñecemento do Consello de Europa a exclusión de Nós Diario das axudas do Goberno galego aos medios de comunicación malia cumprir os criterios recollidos na convocatoria de subvencións.

A Mesa pon de manifesto que Nós Diario "é o único diario impreso en galego e o único que ficará sen axudas polo uso do galego".

A entidade, da que é presidente Marcos Maceira, expón que o artigo 12 da Carta Europea das Linguas empraza os poderes públicos, entre eles a Xunta da Galiza, a se comprometer a "fomentar e/ou facilitar a creación e/ou mantemento cando menos dun órgano de prensa en lingua minorizada".

A Carta recolle que as autoridades deben "cubrir os custos suplementarios dos medios de comunicación que utilicen as linguas rexionais ou minoritarias, en caso de que a lei prevexa unha asistencia financeira en xeral para os medios de comunicación"

No mesmo artigo, explica A Mesa, a Carta recolle que as autoridades se comprometen a "cubrir os custos suplementarios dos medios de comunicación que utilicen as linguas rexionais ou minoritarias, en caso de que a lei prevexa unha asistencia financeira en xeral para os medios de comunicación"

A este respecto, a asociación advirte de que "nada disto acontece na Galiza". "Os medios en galego sempre fican excluídos". "Non só é incumprimento flagrante dun tratado internacional que a Xunta debe cumprir. É, tamén, inversión do seu contido: faise xustamente o contrario! Así o temos indicado en varios infomes ao Consello de Europa", conclúe A Mesa.

O anuncio da Mesa chega após Nós Diario informar de que o Executivo do Alberto Núñez Feixoo exclúe este medio do reparto de axudas económicas a empresas xornalísticas e de radiodifusión para o ano 2021. Para os xornais editados en papel destínase unha contía total de 1.255.000 euros.

A Secretaría Xeral de Medios da Xunta da Galiza, da que está á fronte Mar Sánchez, desestimou o recurso de reposición presentado por Nós Diario á denegación da solicitude das axudas. Tras tombalo, Sermos Galiza S.A., empresa editora, vén de presentar perante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) un recurso contencioso-administrativo, que xa foi admitido a trámite.