A Mesa denunciará en Europa a denegación de axudas do Ministerio de Transición Ecolóxica ao Concello de Cambados por usar o galego

Considera que é unha "a vulneración da Carta Europea das Linguas por parte do Goberno español".
asembklea consello europa-min

A Mesa pola Normalización Lingüística anuncia que denunciará perante o Consello de Europa a "vulneración reiterada" da Carta Europea das Linguas por parte do Goberno español e pide o posicionamento claro e rotundo do presidente da Xunta, "defendendo a dignidade colectiva do pobo galego e o dereito a usar a nosa lingua", despois de que o Ministerio de Transición ecolóxica veña de denegarlle unha axuda ao Concello de Cambados por usar a lingua galega. Non é a primeira vez que se dá esta situación, advirte a entidade en defensa da lingua, xa que o mesmo Ministerio ten denegado previamente axudas a Santiago, Santa Comba e Teo polo uso do galego.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, amosoulle a súa solidarieade ao Concello de Cambados e trasladoulle o apoio da entidade perante a "coacción" do Ministerio, que "mutila un artigo da Lei de procedemento administrativo para coaccionar persoas e administracións para que deixen de usar unha lingua oficial".

Maceiras recorda que "o Goberno ten que actuar e eliminar as persoas galegófobas da Administración, ademais de condenar un xesto de desprezo, coacción e chantaxe" e pide que o presidente da Xunta se posicione "clara e rotundamente" na defensa da "dignidade colectiva do pobo galego e o dereito a usar a nosa lingua, tamén na administración municipal".

O Servizo Provincial de Costas de Pontevedra, que depende do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, rexeitou un documento técnico elaborado polo Concello de Cambados para a tramitación do plan especial do porto de San Tomé e Tragove por estar escrito en galego.

Segundo explicou o concelleiro de Urbanismo do municipio, Xurxo Charlín, o mesmo informe foi remitido a varios departamentos da Administración estatal pero unicamente foi rexeitado por estar en lingua galega pola delegación pontevedresa do servizo de Costas.

Comentarios