O Goberno español rexeita un informe do Concello de Cambados por estar en galego

Costas denegou a tramitación do documento sobre o plan especial do porto polo uso da lingua galega, segundo sinalou o concelleiro de Urbanismo, Xurxo Charlín.
VIsta da fachada do Concello de Cambados, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
photo_camera VIsta da fachada do Concello de Cambados, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)

O Servizo Provincial de Costas de Pontevedra, que depende do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, vén de rexeitar un documento técnico elaborado polo Concello de Cambados para a tramitación do plan especial do porto de San Tomé e Tragove por estar escrito en galego.

Segundo explicou o concelleiro de Urbanismo do municipio, Xurxo Charlín, o mesmo informe foi remitido a varios departamentos da Administración estatal pero unicamente foi rexeitado por estar en lingua galega pola delegación pontevedresa do servizo de Costas.

O representante do Goberno local lamentou os prexuízos que causará a decisión da oficina de Costas, que se escuda no artigo 15 da Lei 39/2015, onde se estabelece o español como lingua para os procedementos administrativos.

Con todo, ese mesmo punto da norma permite que o interesado escolla a lingua na que realizar o trámite, aínda que fixa que, no caso de que existan varios interesados e existise unha discrepancia en canto ao idioma, o castelán prevalecería por encima do resto.

Pero non houbo outra explicación sobre un posíbel erro na redacción do informe. Para Xurxo Charlín, "é incomprensible" que o Servizo de Costas de Pontevedra careza dunha persona "que poida interpretar un documento técnico escrito en galego".

Así, a corporación verase obrigada a traducir ao castelán as máis de 400 páxinas que compoñen o informe, o que suporá "un importante atraso" na tramitación do plan especial da zona portuaria, en elaboración desde o ano 2014 e que ten no documento rexeitado por Costas o penúltimo paso antes de poder ser levado a pleno para a súa aprobación.

Comentarios