Lugo pón en marcha unha Escola de Narración Oral

A iniciativa conta coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega. A escola arrincará en setembro cun obradoiro de creación literaria.
Presentación da Escola de Narrativa de Lugo
photo_camera Presentación da Escola de Narrativa de Lugo

A cidade de Lugo contará, a partir de setembro, cunha Escola de Narración Oral que ensinará técnicas para contar historias e afondará na tradición da literatura oral. A iniciativa nace da man da Área de Cultura do Concello e da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). A actividade coa que iniciará a súa andaina a escola consistirá nun obradoiro de creación literaria que impartirá o propio coordinador da escola, Antonio Reigosa, xunto ao escritor lucense Isidro Novo. Con este obradoiro, aberto a todos os cidadáns maiores de 15 anos, abordaranse todos os ámbitos da oralidade, dende a tradición ás tendencias máis innovadoras, co fin de inspirar a novos creadores e de estimular novas correntes baseadas nesa oralidade que tanto marcou a nosa literatura.

Abordaranse todos os ámbitos da oralidade, dende a tradición ás tendencias máis innovadoras

O curso, baixo o título Iniciación á narración oral, desenvolverase ao longo de trece xornadas de dúas horas de duración do 25 de setembro ao 18 de decembro. As clases serán os martes de 18:00 a 20:00 horas no C.S. Uxío Novoneyra e a inscrición gratuíta poderá formalizarse do 27 de xuño ao 15 de setembro no Rexistro Xeral do Concello de Lugo. As prazas son limitadas e adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición.

Contidos
A escola terá a súa sede no Centro Social Uxío Novoneyra e as clases impartiránse nas aulas que se habilitarán para a Escola de Música, coa que compartirá dependencias. Os contidos abranguen unha variada escolma de materias co fin de que os alumnos e as alumnas acaden coñecementos das técnicas da narrativa oral como as linguaxes non verbais, a cultura tradicional e a oralidade, a destreza oral, a lectura en voz alta ou as palabras con memoria.

Comentarios