Entrevistamos X. Dosi Veiga (Ceos Galegos)

“O ceo nocturno é dobremente fermoso cando entendemos o que estamos a ver”

Chega ás librarías, como cada ano, o calendario Ceos Galegos, unha iniciativa de divulgación científica que xorde da man do físico X. Dosi Veiga.

O escritor Pedro Feijoo, sostendo o calendario Ceos Galegos, e X. Dosi Veiga, con 'Un lume azul', ambos coa foto do mesmo faro.
photo_camera O escritor Pedro Feijoo, sostendo o calendario Ceos Galegos, e X. Dosi Veiga, con 'Un lume azul', ambos coa foto do mesmo faro.

Unha imaxe para cada mes leva os misterios do ceo nocturno aos fogares da Galiza. Así, o almanaque Ceos Galegos sustenta un proxecto dixital que vai gañando cada vez máis pulo e que demostra que se pode facer astronomía desde o noso país. Conversamos co seu editor, o físico e divulgador X. Dosi Veiga.

Como naceu o proxecto Ceos Galegos?

Hai 3 anos recibín como obsequio do Observatorio Europeo Austral un calendario cun formato semellante ao de Ceos Galegos. Pareceume un vehículo estupendo para facer divulgación científica baseándose en imaxes bonitas do ceo, co reto que implica falar diso na Galiza, desmontando o mito do mal tempo perpetuo. Púxenme en contacto con coñecidos que facían ese tipo de fotografía para ver se eramos capaces de acadar un mínimo de 14 imaxes en gran formato e elaborar esa publicación.

Así xurdiu o calendario. Porén, o proxecto é máis amplo.

Claro, a idea era facer un produto comercial que dese soporte a Ceos Galegos. O que pretendemos é introducir a divulgación astronómica nos fogares galegos. Tamén queremos demostrar a riqueza do noso ceo, que se pode facer astronomía aquí, así como atraer ao público novo á ciencia a partir da fotografía fermosa. Comezamos o calendario con poucos autores, os que eu tiña de man, e a partir de aí fomos capaces de producir ao longo do ano imaxes para alimentar a web, non de xeito diario, como fai a NASA, pero si cada semana.

A través da astronomía podes chegar á bioloxía, á química, á arqueoloxía, á historia, á cultura clásica.

Como se artella Ceos Galegos?

O proxecto ten tres patas: o calendario, a web e os concursos. Na web todas as imaxes que publicamos van cun texto divulgativo. A idea sempre foi facer a imitación (entre aspas) do Astronomy Picture of the Day da NASA, que é unha referencia do mundo da astronomía do que goza todo o mundo, onde a xente envía imaxes do ceo que o organismo publica cada xornada. A nosa referencia é chegar a esa cadencia de todos os días, pero de momento é imposíbel para nós porque somos afeccionados. Na web poñemos ese texto divulgativo didáctico introducindo temas de astronomía, de ciencia, nos fogares. O calendario ten este mesmo espírito. Nesta terceira edición xa vai bilingüe en galego e en inglés. Intentamos explicar que se ve no ceo. Esa é a nosa teima. O ceo nocturno é fermoso, pero se entendemos o que estamos vendo é dobremente fermoso. Ademais, a través da astronomía podes chegar á bioloxía, á química, á arqueoloxía, á historia, á cultura clásica... É un campo marabilloso para divulgar porque resulta moi espectacular e visíbel, e dá pé a falar de todos estes temas. Iso é o que tratamos de reflectir na web. Por exemplo, unha foto dun monumento cunha orientación astronómica leva a falar de arqueoloxía.

Como se xestiona? 

Notamos que hai interese pola web e tamén pola parte máis lúdica, os concursos, que están a mover moita xente

Á parte das imaxes da web —temos publicado de 300 persoas diferentes— e do calendario, todo o que é a edición son eu só. É unha iniciativa persoal, pero coa idea de que sexa autosustentábel economicamente. O calendario é o que sostén o resto do proxecto. Se non dá para salarios —que tampouco foi creado para iso— polo menos que cubra os gastos básicos de web, desprazamentos xeográficos... Logo co tempo a idea é que haxa un equipo de xente, pero teremos que descubrir como facelo. É unha iniciativa vocacional e nunca sabes como vai responder o público. A publicación é moi irregular, un mes van cinco imaxes, porque o tempo material non dá para máis, e o seguinte 12 ou 14. Notamos que hai interese pola web e tamén pola parte máis lúdica, os concursos, que están a mover moita xente. Estes certames de fotografía permítenos, por unha banda, contactar con novos fotógrafos. Para eles, a publicación das súas obras facilita unha visibilidade extra e a estabilidade de que a imaxe fique nunha web e non desapareza como acontece nas redes sociais. Por outra banda, eses días igual 700 ou 1.000 persoas entran na web a votar, o que aumenta moito a difusión do proxecto. Fomentamos ese aspecto lúdico agasallando, por exemplo, calendarios ou libros. Aumentar o público axúdanos ao obxectivo fundamental de expandir a mensaxe.

Comentarios