O galego é xa o 37º idioma con máis peso a nivel mundial e supera outros con millóns de falantes

Manifestación en Compostela, o pasado ano, na defensa dos dereitos lingüísticos. (Foto: Arxina)
A última actualización do Barómetro das Linguas do Mundo sitúa a lingua propia do país cunha puntuación global de 5,538 sobre 13. A presenza na Internet, chave na clasificación.

Das máis de 6.000 linguas que aínda se falan no mundo, 634 superan as 300.000 persoas falantes, un dos principais criterios dos que bota man o Ministerio de Cultura de Francia para elaborar o seu Barómetro das Linguas do Mundo. O peso do idioma na tradución, os artigos publicados na Wikipedia, a normalización lingüística na escrita ou o papel no ensino universitario son algunhas das outras cuestións que analiza este estudo e que sitúan o galego como a 37ª lingua máis relevante a nivel mundial, xusto por riba do euskera.

"Cal é o idioma máis falado no mundo? Cantas persoas falan este idioma? Este enfoque expón un dobre problema: por unha parte, o reconto de falantes non é unha ciencia exacta e as fontes dispoñíbeis dan cifras diferentes e non sempre chegan ás mesmas clasificacións; por outra, outros factores desempeñan un papel na determinación do 'peso' das linguas", xustifican os autores do informe, que se vén elaborando na última década cada cinco anos.

A lingua galega obtén neste ránking unha puntuación global de 5,538 sobre 13, o número de aspectos valorados, que poden obter unha nota máxima de 1. A primeira posición é para o inglés (10,870), seguido do francés (9,351) e o español (8,924) no podio.

Estes tres idiomas, canda o cuarto posicionado, o alemán (8,435); o quinto, ruso (7,439), e o sexto, italiano (7,430), sitúanse agora na mesma posición que no barómetro anterior, de 2017. Os cinco primeiros —do inglés ao ruso—, de feito, manteñen o posto invariábel desde o informe presentado en 2012. A primeira mudanza na táboa prodúcese co sueco (7,064), que ascendeu da décima á sétima posición.

Pero a maior evolución dentro dun 'top-50' que en 2017 fechaba o galego é precisamente a que experimenta a nosa lingua, co maior crecemento na táboa xusto despois do idioma que se fala en Euskal Herria: a lingua galega sobe trece postos —igual que o vietnamita e o islandés—, mentres o euskera repunta catorce. O catalán, pola súa parte, é duodécimo, ascendendo cinco postos a respecto de 2017, mentres o asturiano irrompe con forza ocupando a 50ª posición.

O galego fica por riba a nivel de relevancia doutras linguas que superan con folgura o número de falantes como o hindi —máis de 500 millóns de falantes e 39ª no Barómetro—. O estudo amosa a debilidade do galego en distincións internacionais á súa literatura —premios obtenidos a nivel mundial polos seus escritores e escritoras—, criterio no que non obtén ningún punto, se ben o que atinxe á tradución deixa un rexistro alentador: case 0,6 puntos en obras traducidas ao galego e 0,485 en obras en galego que pasaron a outros idiomas.

A máxima puntuación obtena da penetración do idioma da Internet (0,937 puntos), mentres o contador fica tamén a 0 en vehicularidade —capacidade de sumar falantes que teñan a lingua como secundaria—. O status oficial do idioma (0,011) e a baixa taxa de fecundidade da Galiza (0,053) son os outros factores que condicionan á baixa a súa puntuación.

Tendo en conta só os factores intrínsecos á lingua —entropía, vehicularidade, status, traducións en ambas as direccións ou ensino universitario—, o galego caería até o 47º posto; contando só os demográficos —número de falantes ou fecundidade—, a lingua do país non entraría sequera no 'top 50', e no caso dos criterios denominados de prestixio —premios literarios ou artigos na Wikipedia—, sería 44º.