Gadis achega versos de autores galegos ilustres no Día das Letras

Entre as citas literarias escollidas figuran versos de Rosalía de Castro, Uxío Novoneyra ou Xohana Torres.
Gadis, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüïstica impulsa a campaña 'Versos na rúa'. (Foto: Gadis).
photo_camera Gadis, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüïstica impulsa a campaña 'Versos na rúa'. (Foto: Gadis).

Supermercados Gadis conmemora o Día das Letras cunha escolma de versos de autoras e autores galegos ilustres escritos en 220 pasos de peóns, muros e fachadas de medio cento de edificios de distintas localidades galegas. 

A Coruña, Lugo, Ourense, Ordes, Muros, Ribeira, Betanzos, Foz, Sarria, Viveiro, Carballiño, Verín e O Barco de Valdeorras son os lugares escollidos pola empresa para desenvolver a campaña 'Versos na rúa', que inclúe distintas citas literarias de oito poetas "representativos" do galego.

Textos de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Xohana Torres, Uxío Novoneyra, Manuel Antonio, Lois Pereiro e Xosé Neira Vilas locen desde o pasado mes de abril en distintos espazos públicos co obxectivo de "pór o foco na cultura galega" e que os cidadáns poidan coñecer e gozar da selección de pezas da literatura galega na súa vida cotiá.

Versos na rúa

Entre os dez versos que se poden ler estes días en zonas de paso destacan "Eu son Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén", de Neira Vilas, "No xardín unha noite sentada, ó refrexo do branco luar", de Curros Enríquez, ou "Chove para que eu soñe", de Uxío Novoneyra.

Ademais da reprodución destas citas en zonas de paso ao aire libre, Gadis regalará a vindeira segunda feira, 16 de maio, 80.000 adhesivos de vinilo coa mesma selección, unha iniciativa que busca "potenciar" e ofrecer "maior" visibilidade á poesía galega e aos seu autores.

Coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, Gadis tamén renderá homenaxe ao poeta Florencio Delgado Gurriarán coa repartición de 30.000 marcapáxinas e outras tantas bolsas 30.000 bolsas cunha imaxe do escritor agasallado.

Comentarios