martes 19/01/21

A futbolista Vero Boquete estrea unha campaña de promoción do galego

A iniciativa 'Novas voces para a lingua' xurde dunha colaboración entre a Real Academia Galega (RAG) e a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Presentación de 'Novas voces para a lingua'. (Foto: RAG)
Presentación de 'Novas voces para a lingua'. (Foto: RAG)

A deportista Vero Boquete será a encargada de inaugurar o proxecto 'Novas voces para a lingua', unha acción da Real Academia Galega (RAG) e a facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago (USC) que ten como meta conectar á mocidade co idioma galego.

Boquete participará no primeiro episodio dunha serie que tratará diferentes temas que preocupan ás e aos mozos, como poden ser a ciencia, o deporte, a igualdade ou a creación artística.

Na presentación desta acción, que decorreu hoxe, contouse que o debate lingüístico chegará tanto da man da futbolista como de outros rostros coñecidos.

Algúns dos exemplos son os músicos Laura Lamontagne e Alejandro Guillán Baiuca, Andrés Goteira, o investigador Ángel Carracedo ou a divulgadora e colaboradora de Nós Diario Iria Veiga.

A directora do proxecto audiovisual é Paula Quiroga, mentres que Lois Alcayde encárgase do guión. A produtora das cinco pezas a prol do galego feitas até o de agora é Meritxel Álvarez.

Iniciativa do ILG

Por outra parte, O Instituto da Lingua Galega (ILG) da institución académica compostelá presentou esta terza feira o sétimo volume do Atlas Lingüístico Galego (ALGa), que nesta ocasión está dedicado ao léxico sobre o ser humano.

A obra está composta por 294 mapas que "dan conta da variación léxica no dominio galego de conceptos vinculados coa familia, as relacións de parentesco, a vida en sociedade e certos oficios, en total máis de catro mil variantes léxicas para os case trescentos conceptos analizados".

O volume foi elaborado e editado polos profesores e investigadores da USC Rosario Álvarez, Francisco Dubert García e Xulio Sousa.

 

 

comentarios