Vero Boquete

"Cando crecín non tiña referentes femininos, non sabía nin que había ligas profesionais"

Considerada como a futbolista galega máis importante da historia, o xornalista deportivo máis tópico tamén definiría Verónica Boquete (Compostela, 1987), ou tan só ‘Vero’, como figura nas costas das súas camisolas, como unha «trotamundos do fútbol». Após xogar en 14 clubs distintos de Europa, Asia e América, volve á casa para repoñer forzas até o comezo da vindeira tempada da liga americana. Reproducimos na íntegra a entrevista feita no nº371 do semanario Sermos Galiza.
foto-veroBoquete
photo_camera foto-veroBoquete

Recuperamos na íntegra a entrevista publicada no Sermos Galiza nº371 coa futbolista Vero Boquete co gallo da súa participación no ciclo 'Fálase de...', que esta cuarta feira, día 11, pon o ramo en Pontevedra.

Volve de Salt Lake City sendo unha das xogadoras máis destacadas da liga, pero sen lograr o obxectivo de clasificar para os ‘play-offs’, que lle depara o futuro a Vero Boquete?

O feito de non gañar este ano faime volver aos Utah Royals, quero pelexar polo título. Podía decidir por contrato se continuaba ou non, pero decidín quedar.

É posíbel un retorno a Europa, e mesmo a Galiza, agora que xa hai fútbol de elite aquí tamén?

Si. Cando marchei, hai dez anos, era imposíbel, pero nunca perdín a esperanza de poder retirarme perto da casa, é o que máis ilusión me fai.

Fala de volver para rematar a súa carreira, canta lle queda?

Creo que bastante (Ri). Cando vexa que non poida facelo, serei honesta comigo mesma e deixareino.

Cando iso suceda, a que lle gustaría dedicarse?

Quero ser adestradora, como meu pai. Ademais, é algo que ten relación cos meus  estudos de Maxisterio, pois un técnico ten moito de educador.

No pasado aproveitáronse as datas do Nadal para organizar encontros da Selección Galega. Este ano falou alguén con vostede para participar?

Non teño ningunha noticia. Véxoo difícil, polo calendario da Liga Iberdrola e porque leva moitos anos sen facerse.

Hai aproximadamente un ano adestrou co Celta para preparar o salto ao fútbol chinés. Cando contarán con equipo feminino os celestes?

O Celta feminino está perto, porque é algo que os socios demandan. No seu día falei co presidente, Carlos Mouriño, e sei que a directiva está buscando un modo de poñelo en marcha. Cando e onde? Oxalá fose canto antes, porque Galiza necesita que os seus dous clubs máis importantes teñan un feminino.

Falando de clubs galegos, o Deportivo feminino xoga en Abegondo, a máis de 20 minutos da Coruña, sería bo trasladar o equipo a algún campo do centro da cidade?

Achegar o equipo á cidade é bo, e mellor aínda a Riazor. Abrilo para algún partido e facer promoción do evento, como fan outros equipos da Liga. E a min, se me dan a escoller, sempre quero xogar no mellor campo, e Riazor é o mellor da Coruña.

Varias desas xogadoras do Dépor confesaron tela como ídolo, como se sente?

É un grande afago, unha responsabilidade e unha motivación. Hai anos era difícil ter referentes femininos, eu crecín sen eles.

Non tiña ningún referente no fútbol? Nin sequera a americana Mia Hamm?

Non, cando eu crecín non os había. A Mia Hamm coñecémola agora, porque antes non nos chegaba, non podía vela xogar, nin sabía que había ligas profesionais, seleccións, mundiais... era algo impensábel. Estamos a vivir un grande avance a nivel social, no deporte e no fútbol.

Incidindo neses avances, hoxe as xogadoras están pelexando por un convenio que lles garanta unhas condicións vitais mínimas. Como ve o conflito entre patronal e xogadoras?

O do convenio é unha necesidade desde hai moitos anos, pero nunca sentiramos que estabamos en posición de poder conseguilo. Iso cambiou. O que piden as xogadoras é algo totalmente xusto, e estou convencida de que están a facer o correcto loitando.

Os clubs din que a súa aplicación nos termos esixidos polas xogadoras resulta inviábel...

Se os clubs cren que non poden cumprilo é honesto que o digan, pero resulta confuso que a contraparte diga que si que é viábel. Logo, alguén está mentindo ou non ve a realidade.

Que vai pasar agora?

Penso que se vai solucionar antes do día 16 de novembro (data de inicio da folga), chegando a un entendemento por mediación do Consello Superior de Deportes, a Federación ou a Liga, pero se logo de 18 reunións non foi posíbel chegar a un acordo, é normal que as xogadoras vaian á folga, teñen que loitar polo seu. Non vexo unha saída fácil.

Se fose futbolista en activo da Liga, vostede faría folga?

A miña postura sería ir ás reunións e intentar solucionar isto. Moitas veces hai terceiras partes que son as que exercen a forza, e neste caso hai unha guerra entre Federación e Liga, e logo a Asociación de Futbolistas, e as xogadoras sempre están no medio. Loitan por algo totalmente xusto, pero que ten moitos matices... é difícil.

As orixes do conflito poden estar na redución paulatina na fenda dos estadios de profesionalización entre o fútbol no estado español e o europeo e americano?

En España vaise con anos de retraso respecto a Europa e os EUA, pero a evolución está a ser moi notoria. O problema é como de rápido se pode facer. Estes conflitos xa pasaron neses países, e son algo normal para que o fútbol feminino avance. E quen non poida cumprir iso non estará na Primeira, pero iso acabará por ser bo para as xogadoras.

Reprodución da entrevista íntegra que se publicou no semanario nº 371 de Sermos Galiza, que saíu á rúa a principios de novembro pasado.

Comentarios