Expulsan un doente do Hospital Álvaro Cunqueiro por pedir que lle desen unha documentación en galego
Un paciente do Hospital Álvaro Cunqueiro foi expulsado polo servizos de seguridade do complexo sanitario, após exixir que lle entregasen unha documentación en galego. Do suceso deu conta nas redes sociais a súa avogada e vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística (AMNL), Elsa Quintas.
O doente, en conversa con Nós Diario, explica que sofre unha afección cutánea crónica, que lle obriga a ter que ser sometido a cirurxías cada certo tempo, para as que pide que lle entreguen a documentación en galego.
"Levo 20 anos nesta situación, xa presentei 9 queixas por escrito para que me entreguen os Consentimentos Informados en galego, e hoxe decidín plantarme", asegura.
Desobediencia "pacífica e non violenta"
Na mañá desta quinta feira, presentouse no servizo de Atención ao Doente do Álvaro Cunqueiro para solicitar novamente a documentación en galego, que lle denegaron por motivos "burocráticos". "Que diría Cunqueiro se entrase no hospital que leva o seu nome e lle dixesen que non pode ser atendido en galego?", pregúntase o paciente.
Ante a insistencia do doente de que lle entregasen a documentación en galego, a traballadora que o atendía chamou á seguridade do hospital para que o expulsasen. "Nese momento, de forma pacífica e non violenta, deixei claro que non ía marchar de alí sen a miña documentación en galego".
Os gardas procederon a sacalo do Cunqueiro e a chamar á policía para que intermediara. Unha vez alí presente, os axentes, ante a inexistencia dunha actitude delituosa do doente, marchou, e a seguridade entrou no hospital.
O paciente accedeu novamente ao hospital e volveu ser expulsado, sempre de boas formas, pero sen deixalo entrar. "Chegado un punto, déronse conta de que non podían comigo e deixáronme pasar", afirma o afectado.
Compromiso do Sergas
Xa de novo no servizo de Atención ao Doente, volveu trasladar que non marcharía até que lle desen o Consentimento Informado en galego.
O persoal insistiu en que non podía darllo por motivos burocráticos, mais comprometéronse a que, na segunda feira, 2 de marzo, entregaranlle este Consentimento Informado en galego.
"Se a situación fose á inversa, e o Sergas negase a atención en castelán a un doente, todos os medios estatais dirían que a Xunta está a practicar o supremacismo lingüístico co galego", explica o doente.
Preguntado por se pensa que o sucedido nesta quinta feira pode cambiar a súa situación, lamenta que non. "Se nun ano necesito outro Consentimento Informado, volverei atoparme nesta situación", denuncia, "polo que ante a inacción das administracións, a cidadanía debe protestar, empregando a desobediencia pacífica e non violenta".