Inspección de Traballo require o xestor público de navegación aérea para que cese a discriminación lingüística no aeroporto Rosalía de Castro

A raíz dunha denuncia da CIG.

Aeroporto de Compostela-Rosalía de Castro (Arxina).
photo_camera Aeroporto de Compostela-Rosalía de Castro (Arxina).

A Inspección de Traballo vén de emitir un requirimento laboral contra a empresa pública Enaire (xestor da navegación aérea) para que cese “o comportamento empresarial de maneira inmediata e continua” polos continuos “atrasos ou omisións na entrega de información só porque o escrito de solicitude vai en idioma galego”.

Unha acción da que informa a CIG. Para a autoridade laboral, explica a central, constátase a existencia de “dificultades, trabas e impedimentos, unido á consecuencia de posibles atrasos nas contestacións” debendo cesar na conduta empresarial de solicitar que se empregue unicamente o español.

Dende a FGAMT-CIG de Santiago consideran inaceptábel a actitude da empresa, “xa que atenta contra a liberdade sindical por impedir ou entorpecer a acción sindical nesta compañía pública” e advirten de que denunciarán a Enaire polo que consideran unha vulneración de dereitos fundamentais evidente en materia de liberdade sindical e de emprego da lingua propia do país.

Segundo explican, esta situación vense producindo desde o ano 2017, cando se constituíu o comité de empresa, polo que na CIG enmarcan este comportamento nunha campaña de acoso laboral “que derivou en poñer todas as trabas posibles para a labor da nosa delegada”.

A partir da denuncia da situación de acoso a actitude da empresa mudou radicalmente, afirma o sindicato, e a cada correo enviado pola delegada se lle contestaba cun “le solicitamos que nos remita nuevamente su solicitud en castellano” ou directamente non contestando. “Os correos eran para solicitar unha avaliación de riscos, cadrantes de vacacións, protocolos laborais ou cousas concretas que non precisarían a máis mínima tradución e sen embargo producíanse atrasos inexplicables ou directamente quedaban sen atender”. Sen embargo, agora a propia Inspección declara que mesmo que sexa precisa unha traducción, non é aceptable ningún tipo de demora”.

Por outra banda, e sempre segundo o sindicato, a propia empresa recoñece que non é un problema de entendemento, xa que nun correo de maio de 2020 unha superior contesta literalmente: “A pesar de entender el gallego te solicito que escribas en castellano”.

Comentarios