A "exclusión" de entidades sociais empana o inicio da renovación do Plan do galego

O camiño marcado pola Xunta da Galiza para unha posíbel renovación do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega arrincou esta cuarta feira coa primeira reunión da comisión encargada da súa actualización e dirixida polo académico Manuel González.
Marcos Maceira e Celia Armas, da Mesa pola Normalización Lingüística, protestando diante de Manuel González, José López Campos e Valentín García. (Foto: Arxina)
Marcos Maceira e Celia Armas, da Mesa pola Normalización Lingüística, protestando diante de Manuel González, José López Campos e Valentín García. (Foto: Arxina)

Como adiantou este diario e anunciou esta cuarta feira o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, en resposta a unha interpelación sobre este asunto no Parlamento de Galiza, a Xunta reuniu na tarde desta cuarta feira, na Cidade da Cultura de Compostela, máis de 100 profesionais de diferentes ámbitos para renovar o Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG) de 2004.

Na liña do que mantén nos últimos meses –concretamente desde que a enquisa do Instituto Galego de Estatística anunciou que o galego deixara de ser a lingua máis falada do país en beneficio do castelán–, o responsábel de Lingua fixo un chamamento aos grupos políticos para demostrar "altura de miras" e acadar un "gran consenso de país que permita seguir mellorando os usos sociais da nosa lingua".

A enquisa da polémica

Na xa longa lista de polémicas que rodean este proxecto, a Xunta engade unha máis ao afirmar que, "como punto de partida, aos datos da Enquisa estrutural a fogares, coñecemento e uso do idioma galego do Instituto Galego de Estatística e ás recomendacións para a Galiza da Carta Europea das Linguas Minoritarias sumaranse tamén os resultados da Enquisa sobre a percepción social do galego, que recolle a resposta de 1200 nais e pais con fillos en idade escolar e que amosan que unha ampla maioría das familias está satisfeita ou moi satisfeita co uso do galego no sistema educativo".

Cabe lembrar que esta enquisa "sobre a percepción social do galego" foi encargada pola Xunta á empresa Sondaxe poucos días despois de que o IGE publicase o seu informe, nunha manobra que a oposición interpreta como un intento de "lavar a cara" da acción da Xunta en materia lingüística, contradicindo a enquisa do IGE.

A Mesa e a AS-PG abandonaron a reunión en protesta pola acción lexislativa do Executivo

Malia que o documento recolle a opinión de só 1.200 persoas –a do IGE, 9.200–, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, deu a ambas as dúas a mesma validez, pondo no mesmo rango unha sondaxe feita por unha empresa privada e o traballo desenvolvido por persoal técnico da propia Xunta da Galiza.

Por outra parte, tamén hai que lembrar que a data sinalada para difundir os resultados da enquisa do IGE foi adiada sen explicación, ao tempo que a Xunta da Galiza organizaba e presentaba a primeira campaña que animaba a cidadanía a usar o galego desde había 15 anos.

O conselleiro xustificaba a inclusión da enquisa de Sondaxe escudándose na importancia de que as comisións que renovarán o PXNLG conten coa máxima documentación posíbel para coñecer, "coa maior exactitude, cal é a situación da lingua galega en toda a sociedade".

Abandono da Mesa e da AS-PG

Ao comezar a xuntanza, os representantes da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira e Celia Armas, e da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), Sofía Rama, denunciaron o "veto" ás múltiples entidades sociais que non foron invitadas a participar neste proceso, ao tempo que lembraron que a acción lexislativa do Parlamento destes últimos tres meses opera "en contradición" cos obxectivos dun Plan de normalización, e que, en consecuencia, a acción destas comisións queda sen efecto ningún, "posto que as decisións que tomen non poden ir en contra do que estabeleza o DOG", declararon, en referencia ás leis aprobadas que permiten, por primeira vez na historia, que o exame de acceso para traballar na Corporación Radio e Televisión da Galiza (CRTVG) sexa en español ou a que exclúe o galego da lexislación de intelixencia artificial, entre outras.

"Se tivesen un mínimo de dignidade estarían dimitindo neste momento", dixo Maceira, antes de abandonar a reunión.

Contestación social

"Estamos aínda a tempo para os que non se sumaron", dixo o conselleiro, López Campos, na súa alocución. "Podemos entender que pode haber certa desconfianza, pero que vexan os perfís das persoas que hoxe están aquí, o seu nivel de profesionalidade, implicación e compromiso, para decatarse de que este é un gran momento para o galego. E espero e desexo que esteamos á altura", dixo, consciente das dúbidas que está espertando un proceso no que a Xunta non dá sinais de ter unha estratexia clara e da forte contestación social que está provocando a política lingüística da Xunta, comezando pola manifestación nacional convocada para o día 23 deste mes por Queremos Galego.

"Este é un día importante co que se vén cumprir a folla de ruta que trazamos desde que iniciamos este 'Pacto pola lingua' co resto de partidos políticos", afirmaba López Campos, "e na que nos comprometemos a que antes de finais de ano teriamos nomeados os responsábeis da actualización [do Plan xeral de normalización da lingua galega de 2004]", afirmou.

O conselleiro, despois do incidente vivido pola mañá no Parlamento, cando foi interrompido por activistas que reclamaban políticas de defensa do idioma, fixo un chamamento á unidade dos grupos políticos arredor da normalización do idioma.

Once grupos de traballo para once sectores sociais

En total, a renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega estará integrada por once grupos de traballo que terán o obxectivo de actualizar o documento para adaptalo á realidade social, demográfica e lingüística dos nosos días. Estes equipos sectoriais abranguen eidos como os dereitos lingüísticos, as tecnoloxías, a oferta e dotación de recursos lingüísticos, a administración, o sistema escolar, a transmisión patrimonial do idioma, o lecer, a familia, os medios de comunicación, as industrias culturais, a economía, a sanidade, a sociedade, a proxección exterior do galego ou a lusofonía.

Todos eles estarán baixo a coordinación de Manuel González, quen xa se encargou deste labor durante a elaboración do plan. Ademais de membro de número da Real Academia Galega, foi coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro de Investigación en Humanidades na época de Goberno de Manuel Fraga, no que se aprobou o Plan xeral de normalización da lingua galega, así como catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela, membro do Instituto da Lingua Galega, de distintas institucións europeas de estudos lingüísticos, e tamén promotor da iniciativa Punto.gal.

Comentarios