O Estado elixe o catalán para anunciar o Estatuto de Autonomía da Galiza

O documento está dispoñíbel en catalán pero non en galego. (Foto: Nós Diario)
Denuncian que o texto recollido no Boletín Oficial do Estado (BOE) que se pode consultar hoxe en día continúa a estar en castelán e catalán como suposta "lingua cooficial", pero non en galego. Este erro, que volve deixar o idioma propio do país a un lado, tivo bastante repercusión entre as e os usuarios das redes sociais.

Unha denuncia a través das redes sociais do que fora presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, causou una gran sorpresa entre usuarias e usuarios de internet, que compartiron a curiosidade para darlle maior repercusión. Mesmo a propia Mesa deulle difusión. Malia que a crítica xurde como unha curiosidade o certo é que revela o papel que ten, ou tivo, o galego para o Estado español.

Callón alertou de que ao intentar facer unha consulta do Estatuto de Autonomía da Galiza de 1981 no Boletín Oficial do Estado (BOE) non hai unha opción de lectura en galego. O castelán era o previsíbel pero, curiosamente, o anuncio dese texto básico para o país -así como o seu contido- pode analizarse en catalán.

O BOE avisa desde a páxina inicial que aparece cando se procura o estatuto de que hai a opción de consultalo nas "linguas cooficiais" pero só inclúe o catalán como idioma aceptado. Polo tanto, o texto sobre a Autonomía está dispoñíbel en catalán pero non en galego.

Captura da presentación dispoñíbel no BOE. (Foto: Nós Diario)

Polo de agora semella que o Goberno do Estado español non pensou en facer unha actualización incorporando a versión na lingua do país, malia que non estivese integrada na versión orixinal do anuncio. En consecuencia calquera cidadáns do país pode atopar frases como a de presentación "Lei Orgànica 1/1981, de 6 d'abril, de l'Estatut d'autonomia per a Galícia".

Tarefa de tradución

O Boletín publicado o 28 de abril do ano 81 sostén no primero artigo: "U. Galícia, nacionalitat històrica, es constitueix en Comunitat Autònoma per accedir al seu autogovern, de conformitat amb la Constitució espanyola i amb aquest Estatut, que és la seva norma institucional bàsica”.

Ademais, considera que “la Comunitat Autònoma, a través d’institucions democràtiques, assumeix com a tasca principal la defensa de la identitat de Galícia i dels seus interessos i la promo-ció de solidaritat entre tots els que integren el poble gallec”.

En terceiro lugar explica que “rls poders de la Comunitat Autònoma de Galí-cia emanen de la Constitució, d’aquest Estatut i del poble”.

Tamén considera, entre outras cousas, que “són funcions del Parlament de Galícia les següents”, que pasa a enumerar tamén no idioma cooficial de Catalunya. Porén, a priori, o máis sinxelo pola cidadanía sería escoller o texto escrito en español.

Se ben é posíbel que en 1981 o catalán estivese un paso por diante do galego, o certo é que sería mostra dun respecto pola lingua do país e pola súa cooficialidade facer unha versión do Estatuto de Autonomía consultábel polas persoas galegofalantes.