Fala Ceibe reclama a oficialidade da lingua galega no Bierzo

O Congreso acordou recentemente protexer as linguas minorizadas.
Pintada reivindicativa do galego nunha localidade berciana (Foto: Nós Diario).
photo_camera Pintada reivindicativa do galego nunha localidade berciana (Foto: Nós Diario).

O colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo instou nesta sexta feira as Cortes de Castela e León a reformar o Estatuto deste territorio para recoñecer a oficialidade da lingua galega na comarca.

Esta petición formulouse após aprobar o Congreso, o pasado 11 de marzo, unha proposición non de lei presentada por EH Bildu e apoiada polas forzas soberanistas, entre elas o BNG, que demandaba ao Goberno estatal, entre outras medidas, outorgar protección legal ás "linguas minoritarias" do Estado.

É o caso do galego no Bierzo, que, lembra Fala Ceibe, xa ten recoñecemento legal neste territorio: "No artigo 5.3 [do Estatuto de Castela e León] lemos que 'gozará de respecto e protección a lingua galega nos lugares en que habitualmente se use'".

En consecuencia, o colectivo reunirase cos diferentes partidos políticos representados na Cámara castelán-leonesa a fin de promover unha reforma do Estatuto que reflicta e protexa os dereitos lingüísticos da poboación berciana. E o mesmo deberá acontecer, asegura, coa Lei da Comarca do Bierzo, que hoxe tamén recoñece o "respecto" da lingua galega no territorio.

Parlamento galego

Por outra banda, Fala Ceibe adiantou a presentación nas vindeiras datas dunha proposición non de lei no Parlamento galego "para que se encomende a declaración de oficialidade do idioma galego polas Cortes de Castela e León no Estatuto".

Para acadar este obxectivo, o colectivo remitirá a proposta lingüística aos tres grupos con representación na Cámara (PP, BNG e PSOE).

Neste senso, cómpre lembrar que a formación nacionalista, a instancias de Coalición polo Bierzo, trasladou en febreiro ao Parlamento o debate sobre a posíbel adhesión desta comarca á Galiza. Esta demanda, aseguraba o BNG, recolle "a vontade do pobo berciano" e conta co apoio "dunha ampla base social" que pula por pertencer ao país.

Comentarios