'Comadre' é elixida Palabra do Ano 2022

O termo refírese na fala popular á "veciña ou amiga na que se ten especial confianza".
Alén da relación co parentesco, 'comadre' pode aludir tamén á sororidade. (Foto: Eugenio Marongiu)
photo_camera Alén da relación co parentesco, 'comadre' pode aludir tamén á sororidade. (Foto: Eugenio Marongiu)

"Madriña dunha persoa con relación ao padriño ou aos pais desta" e "nai dunha persoa con relación ao padriño ou á madriña desta" son as dúas acepcións que recolle o Dicionario da Real Academia Galega para o termo 'comadre', que vén de ser elixido como a Palabra do Ano 2022. Así o vén de anunciar a propia RAG, concluíndo deste modo unha nova edición do certame que designa o seu gañador perante unha votación popular.

Mais alén do que ten a ver co parentesco, 'comadre' refírese tamén na fala popular á "veciña ou amiga na que se ten especial confianza", lembran desde a Academia. "Con este último significado, que lembra as mozas e vellas que se prestan apoio para faceren fronte aos contextos adversos e que se fan tamén compaña nos bos momentos da vida, vén empregándose dende hai moito tempo", engaden.

Na actualidade, esta voz fai reivindícase tamén desde o feminismo, partindo dese herdo tradicional, aludindo a quen "practican a sororidade", isto é, a solidariedade entre mulleres. "E nese empeño de moitas comadres do século XXI de teceren redes de visibilidade para a súa mensaxe, esta voz acaba de se converter na Palabra do Ano 2022", precisan.

'Comadre', que xa na fase inicial de recolleita de suxestións "prendeu con forza", na segunda e definitiva votación entre as seis finalistas logrou máis do dobre de votos que o segundo vocábulo máis apoiado, 'candorca', referido aos numerosos e recentes avistamentos de cetáceos nas augas galegas. En terceiro lugar ficou 'ecocidio', seguido, por esta orde, de 'resiliencia', 'autoestima' e 'inflación'.

"O feminismo, un dos movementos máis determinantes no avance social dos últimos tempos, esta a vivir na última década un novo momento de auxe. Comadre é a primeira Palabra do Ano da lingua galega que reflicte a pegada que está a deixar na conversa pública cotiá", inciden desde a RAG.

Porén, matizan, a importancia da perspectiva de xénero na forma de ollarmos o mundo "xa se manifestou en edicións anteriores", perante a designación como palabras finalistas de 'feminicidio' en 2015, de 'violencia de xénero' en 2017 e de 'feminismo', 'sororidade' e mais 'apoderamento' en 2018. "Comadre procede do latín tardío commāter, -tris onde xa indicaba unha relación de parentesco semellante e común para todos os romances de Occidente", explican, ao tempo que matizan que estoutra acepción de "veciña e amiga" xa a recollera Marcial Valladares na súa obra lexicográfica de 1884.

"A relación de confianza e intercambio entre mulleres que ilustra a voz comadre vén de vello. Ao longo da historia e nas diferentes culturas as mulleres quedaron relegadas ao fogar. Foron privadas de dereitos reservados aos homes e invisibilizadas nas súas achegas. Porén, foron quen de tecer redes de apoio mutuo, repartindo o traballo, compartindo preocupacións para facelas máis levadías, e tamén o lecer. Sendo entre si, en definitiva, auténticas comadres", sostén a Academia.

Esta mesma relación de confianza feminina, prosegue, "vese reflectida en certas celebracións tradicionais como o xoves de comadres do Entroido", xornada na que as mulleres se reunían "a celebrar entre elas, sen o escrutinio masculino". "A súa orixe parece remontarse ás Matronalias romanas, festas en honor a Xuno Lucina nas que as mulleres casadas recibían agasallos e un trato preferente; e mesmo as escravas eran dispensadas das súas tarefas", conclúe.

. Nas edicións anteriores foron elixidas 'tanxugueiras' (2021), 'nós' (2020), 'sentidiño' (2019) 'deseucaliptización' (2018), 'afouteza' (2017), 'irmandade' (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, 'refuxiado, -a' (2015) e 'corrupción' (2014).

Comentarios