Axuntar denuncia "marxinación" e "castigo" do Goberno asturiano a proxectos a prol do galego de Asturias

A Veiga, Asturias.

O territorio asturiano no que se fala galego está distribuído en 18 concellos e estímase que o número de falantes de galego nesta zona é de 37.000.

Axuntar, Asociación prá normalización del galego de Asturias, denuncia que o Goberno asturiano ·"castiga" e "marxina” proxectos a favor do galego de Asturias. O territorio asturiano no que se fala galego ocupa unha superficie aproximada de 4.200 quilómetros cadrados distribuída en 18 concellos. Actualmente, estímase que o número de falantes nesta zona é de 37.000. Así o recolle o Informe sobre a lingua do Eo-Navia. Sen fronteiras: galego de Asturias, elaborado por  Axuntar.

A asociación explica que logrou unha subvención do Ministerio de Cultura do Executivo estatal para proxectos a favor do galego mais afirma que é “excluída das axudas autonómicas en varios proxectos por non aceptar a normativa lingüística imposta polo Principado e a Academia da Llingua Asturiana”.

Axuntar non recibe axudas porque o Goberno do Principado de Asturias négalles unha subvención “por ‘incorrección gramatical’”, afirman, xa que  non usan a “anormalidade” que supón a normativa da Academia da Llingua Asturiana, senón “unha normativa máis próxima á raíz galego-portuguesa como corresponde á nosa lingua”.

É dicir, inciden, “mentres o Goberno central, o Estado, a través do ministerio de Cultura, “recoñece o galego de Asturias e contribúe á súa promoción e recoñecemento”, desde a comunidade autónoma, e cun Goberno do mesmo signo político, “perséguese este idioma e marxínase ás súas decenas de miles de falantes, impoñendo unhas normas que non se axustan á realidade lingüística da zona galego falante de Asturias e coa evidente intención de rachar todo vínculo co tronco galego-portugués da nosa lingua, como se evidencia tamén na imposición desde a administración do Principado -en cursos, convocatorias, leis, na educación…- da denominación “eonaviego”, coa intención de obviar o nome de galego, negando así a realidade lingüística e científica".

‘Proxecto Panqueixa. Que oxalá floreza mil primaveras máis’, o proxecto que ten o apoio do Ministerio de Cultura, ten por obxectivos crear unha biblioteca popular do Eo-Navia, estendendo o interese pola lectura, os libros e pola cultura en xeral, especialmente no galego de Asturias, “unha variedade dialectal da lingua galega, Bloque oriental, Área asturiana, que debemos -e queremos- protexer e impulsar”.

Con esta biblioteca a asociación rememora unha institución nada en Castropol en 1921, a Biblioteca Popular Circulante (BPCC), que crearon oito novos estudantes do concello denunciando nun manifesto a alarmante situación cultural que vivía a comarca e a necesidade de fomentar a propagación da cultura. Aquela institución foi recoñecida polo Instituto Internacional de Cooperación Intelectual da Sociedade de Nacións, que consideraba que a BPCC representaba un caso particular na historia das institucións bibliotecarias e un fito dentro das iniciativas fundadas no medio rural.