Andrea Martíns: "Restituír os apelidos é unha maneira de restaurar tamén a nosa identidade"
Os apelidos constitúen a marca de identidade dun individuo da súa familia, pero tamén son os contadores das historias existentes dun país. Na Galiza, o corpus dos apelidos provén da Idade Media, tempos no que o uso da lingua galega era total e polo que a gran maioría seguen a ser galegos.
A partir do século XVI o galego desapareceu como lingua dos documentos oficiais, substituído polo castelán. Desde aquela, algúns apelidos foron traducidos e outros alterados na ortografía ou na morfoloxía para facelos máis parecidos ao español, marxinando o noso idioma nas identidades dos galegos. A modificación dos apelidos para asimilalos ao castelán produciuse coa xeneralización dos rexistros, primeiro relixiosos e logo civís, afectando mais os nomes que os apelidos, que xa eran hereditarios. Porén, a vontade de respectalos ou non dependeu, en boa medida, do escribente ou da institución.
A Real Academia Galega (RAG) conta cun buscador cos 6.000 apelidos máis frecuentes na Galiza para poder comprobar se son galegos e como se escriben correctamente. “A reforma da Lei do rexistro civil de 1999 contempla que cun trámite moi sinxelo sexa posíbel a restitución dos apelidos galegos á súa forma xenuína, e coidamos que este recurso vai facilitar esta xestión”, explica a profesora universitaria e coordinadora do proxecto, Ana Boullón. Calcúlase que aproximadamente só o 16% son formas castelanizadas, pero estas afectan algúns dos apelidos máis frecuentes, de modo que a súa visibilidade social é moito maior, engade.
Con todo, seguen a existir casos de formas castelanizadas que abren unha fenda polémica na súa volta a forma correcta. A razón principal segue a ser a súa expansión e o descoñecemento da forma correcta. Neste caso, apelidos como *'Martínez' seguen a considerarse propiamente galegos, mentres que as súas forma galegas correspondentes , 'Martís', 'Martiz' e 'Martíns', teñen unha frecuencia baixa. A RAG publica no seu dicionario un informe por cada apelido castelanizado que estea estendido no país para que calquera usuaria ou usuario que o desexe, poida realizar o cambio pertinente.
En primeira persoa
Nós Diario púxose en contacto con Andrea Martíns que relata a historia deste proceso para restaurar a forma correcta do seu apelido e eliminar o deturpado. “Na carreira decateime de que non era moi coherente o feito de que mantivese os apelidos na forma deturpada […] A nomenclatura que se utilizaba moitas veces na propia familia era en galego, pero os apelidos oficiais eran na forma castelá”, explica.
A “incoherencia” deste feito fixo que Andrea comezara a súa busca “para facer toda a documentación posterior xa coa forma propia”. “Daquela empezaba a falarse da coherencia que supón restauralos e tamén da importancia que se supuña para o idioma”, ademais de que para ela mesma “é unha forma de implicarte de estar orgulloso do teu pasado familiar”, afirma a Nós Diario.
Andrea púxose en contacto “co profesorado da facultade para que fixesen un informe no que indicasen cales podían ser as formas restauradas en galego, da que escollín 'Martíns'. Así, empecei todo o proceso a nivel xudicial con este documento”, comenta a Nós Diario. Dous xulgados e meses máis tarde “conseguín, por fin, restaurar a forma do meu apelido”, aclara.
“Sintome orgullosa de telo feito porque, en consecuencia, o meu irmán e o meu pai tamén cambiaron o seu primeiro apelido co que pasamos a ser a familia Martíns”. “Estamos ben orgullosos de ter feito esta modificación e animo a todo o mundo a facer o mesmo porque, se non o facemos as persoas galegas, ninguén o vai facer. É unha maneira de non perder esta riqueza a nivel de antropónimos e restaurar a nosa identidade, é un deber histórico”, comenta a Nós Diario.


