Están en galego os teus apelidos? Isto é o que di a RAG
A ferramenta web presentada esta cuarta feira busca facilitar a restitución de apelidos deturpados.
A nova Guía de apelidos galegos da Real Academia Galega (RAG), con máis de 6.000 nomes de familia que abranguen aproximadamente o 95% da poboación galega, pode consultarse dende esta cuarta feira na páxina web da Real Academia Galega. A institución presenta esta ferramenta en liña para facilitar o coñecemento das formas propias e a súa restitución, e para iso ofrece tanto a forma estándar de cada un deles coma as non estándar coa equivalencia non deturpada. O buscador permite ademais descargar un informe do Seminario de Onomástica da RAG que acredita cal é a forma correcta daqueles apelidos alterados.
“A reforma da Lei do rexistro civil de 1999 contempla que cun trámite moi sinxelo sexa posíbel a restitución dos apelidos galegos á súa forma xenuína, e coidamos que este recurso vai facilitar esta xestión”, explica a coordinadora da guía, Ana Boullón. Aínda que se calcula que o total de formas castelanizadas é aproximadamente só o 16 %, estas afectan a algúns dos apelidos máis frecuentes, de modo que a súa visibilidade social é moito maior, engade. A académica de número presentou esta cuarta feira este novo recurso canda o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o vicesecretario, Henrique Monteagudo, nunha rolda de prensa celebrada na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
“Os apelidos son a crónica dunha estirpe, marcas de identidade nas que recoñecemos a propia liñaxe, a memoria da familia ou do clan. Detrás deles latexa a memoria do que somos. Estudar esa memoria significa coñecérmonos un pouco máis a nós mesmos, non tanto dende unha perspectiva particular ou individual, mais comunitaria e compartida”, salienta o presidente da Academia. Víctor F. Freixanes agradeceu o traballo do equipo redactor da Guía de apelidos galegos, do que forman parte canda Ana Boullón o académico de número Gonzalo Navaza e os académicos correspondentes Antón Palacio e Luz Méndez, todos eles membros do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega.
A nova guía en liña amplía significativamente a de 1.500 apelidos que a RAG publicou, en papel e PDF, no ano 2016. O corpus no que se basea é o do Dicionario de apelidos galegos, no que está a traballar o mesmo equipo e que ofrecerá as etimoloxías e as distribucións xeográficas de cada forma, ademais de sinalar a documentación máis antiga. Estes recursos súmanse á Guía de nomes galegos, presentada en 2022 tamén en forma de buscador en liña.
Deturpación a partir do século XVI
A deturpación dos apelidos comezou no século XVI, cando o galego foi desprazado da escrita. “Foi un proceso anárquico, no que formas como Méndez ou Mariño se mantiveron practicamente sen alteracións mentres outras como Outeiro foron moi castelanizadas. No censo hai rexistrados case 40.000 Otero e apenas 300 Outeiro”, pon como exemplo Ana Boullón.
A modificación dos apelidos para asimilalos ao castelán produciuse coa xeneralización dos rexistros, primeiro relixiosos e logo civís. Esta práctica afectou en maior medida aos nomes que aos apelidos, que xa eran hereditarios, pero a vontade de respectalos ou non dependeu en boa medida do escribente ou da institución. “A diocese de Tui, por exemplo, foi tremendamente castelanizadora”, conta a académica.
O proceso de deturpación deixou rastro nos documentos que chegaron até os nosos días, nos que queda constancia escrita de como moitos Afonso se converteron en Alfonso ou Alonso, Regueira ou Reguera ou os Outeiro en Otero. “Polo tanto, a abundancia de apelidos coma estes na Galiza, malia coincidiren coas formas correspondentes en castelán, non se deben, na súa maior parte, a apelidos casteláns asentados no país, senón a transformacións que sufriron as formas galegas”, aclara Ana Boullón.

