En 6º de Educación Infantil: 8 libros en castelán, 1 en inglés e 0 en galego
A lingua galega desempeña un papel residual na Educación Infantil, onde semella ser un idioma estranxeiro en vez do propio. Para mostra, o material didáctico que se emprega, de maneira maioritaria, en 6º de Infantil.
A
Esta é a realidade da gran maioría de CEIP, a pesar de que entre os obxectivos da Educación Infantil atópase “desenvolver habilidades comunicativas en diferentes linguaxes e formas de expresión” e “iniciarse nas habilidades lóxico-matemáticas e achegarse á lectura e escritura como medio de comunicación, información e gozo”.
Ademais, a respecto da área de “Linguaxes: comunicación e representación”, recóllese “comunicarse oralmente nas dúas linguas oficiais valorándoas como ferramentas de relación cos demais”. Un obxectivo difícil de cumprir atendendo ao material didáctico que abunda nestas aulas.
Un estudo publicado pola Mesa pola Normalización Lingüística en 2017 evidenciaba que o 76% dos centros escolares empregaban de maneira maioritaria ou exclusiva o castelán na primeira etapa, a de 3 a 6 anos.
A falta de material didáctico en galego é unha constante na Educación Infantil e, segundo o citado estudo, constan entre as editoriais máis empregadas con material en galego: SM, Xerais e Santillana. A respecto dos contos, os máis empregados son os de Kalandraka, OQO e Os Bolechas. “Salientamos que moitos centros demandan máis facilidade para conseguir material en galego por parte da Xunta da Galiza”, recollía o informe.
O Consello de Europa ratifica esta realidade. No seu informe do 5º ciclo de avaliación da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas, publicado en 2021, demóstrase o incumprimento a respecto do galego dalgúns dos compromisos adquiridos pola Xunta como polo Goberno estatal para garantir a súa presenza e uso na xustiza e no ensino.
Observa barreiras “en todos os niveis educativos”, malia pedir eliminalas en pasados informes, e advirte de que só 23,9% de menores de 15 anos son quen de se expresaren no idioma propio da Galiza.
Segundo o Instituto Galego de Estatística, só un 2,9% aprende a falar galego na infancia e, segundo a Real Academia Galega, un de cada tres alumnos castelanfalante remata a ESO con "escasa competencia" en galego. Uns datos que deberían facernos pensar.